
Ricardo Cao Abad (A Coruña, 1965) é reitor da Universidade da Coruña, cargo no que está a piques de cumprir a metade dos seis anos do seu mandato. Entre as decisións que marcarán a súa etapa á fronte da institución está o anuncio da creación dunha facultade de Medicina na cidade herculina, posibilidade que polo de agora quedou aparcada tras o acordo para a descentralización da docencia do grao. Catedrático de Estatística e Investigación Operativa, chegou á UDC en 1991, pouco despois da súa creación, e está moi vinculado á aplicación das matemáticas a problemas sanitarios, un ámbito do que fala con auténtica paixón. Presidiu o Comité de Expertos de Acción Matemática contra o Coronavirus e participou en proxectos para aplicar a estatística a múltiples áreas médicas. Conta con numerosos recoñecementos, entre os que destaca o Premio Nacional de Estatística, que lle foi concedido a finais de 2023.

De forma moi positiva, no sentido de que a descentralización constitúe unha oportunidade fundamental para a Universidade da Coruña e tamén para o sistema sanitario, porque do que se trata é de aproveitar os recursos que temos, tanto no ámbito universitario coma no sanitario, para ofrecer unha docencia da mellor calidade posible. Creo que iso era de xustiza. De feito, a descentralización xa debía terse feito hai tempo, porque estaba programada desde anos atrás, pero non se estaba a cumprir totalmente. Esa é a realidade. Por outra banda, as novas fórmulas docentes —en particular no ámbito médico e sanitario— requiren grupos de tamaño limitado para traballar de forma moi personalizada. Ademais, dentro da Universidade e do Chuac temos excelentes profesionais no ámbito docente e clínico, e a descentralización é un xeito de aproveitalos. Estamos moi satisfeitos do nivel de colaboración institucional co que contamos —aínda que, sen dúbida, temos que intensificalo máis—, e neste sentido xoga un papel moi importante o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña da UDC e o Chuac.
Este ano producirase a descentralización da práctica clínica de quinto curso, como estaba previsto. Contaremos con 40 estudantes e terá lugar, fundamentalmente, no vindeiro mes de xaneiro —aínda que algúns xa se están a incorporar— en centros de saúde e no hospital. De momento supón só unha pequena parte da docencia, aproximadamente un terzo. Ademais, como xa viña ocorrendo —e esta vez co amparo do acordo alcanzado—, contamos con 99 estudantes do rotatorio de sexto curso. Estamos nun ano de transición. O vindeiro descentralizarase completamente o quinto curso, o que facilitará aos estudantes conciliar o lugar de formación co seu domicilio, que é un dos problemas que xorden ao ter docencia en dous lugares, como acontece neste curso académico.
Por moitos motivos. Un deles é que a descentralización do grao non se estaba cumprindo coa intensidade precisa. Pero tamén porque cremos que temos que optar por unha medicina moito máis baseada nas novas tecnoloxías, nas TIC, na intelixencia artificial e na personalización. Para iso é necesario contar cun título de Medicina que teña esa orientación, algo que aínda non conseguimos coa descentralización.
Ao meu xuízo, non ten sentido desaproveitar os recursos públicos e, ao mesmo tempo, facilitar que chegue unha titulación privada. Na universidade pública non se nos permite, por exemplo, aumentar o número de prazas en ámbitos moi demandados, como o sanitario —non estou falando só de Medicina, senón en xeral de titulacións sanitarias—, pero ao mesmo tempo quérese que desembarquen titulacións privadas, que ademais van crear unha desigualdade importante, porque obviamente non todo o mundo vai poder sufragar os gastos que implica cursar unha titulación deste tipo. Por outra banda, hai que deixar claro —con todo o meu respecto polas titulacións privadas— que cando cheguen teñen que facelo coas mesmas garantías de calidade que no ensino público.
Temos que dedicar un esforzo importante a reverter esta situación. Débese, fundamentalmente, a que na Universidade da Coruña —eu diría que en xeral en todas, pero na nosa vese moi claramente— os ingresos non son dabondo en relación cos nosos gastos estruturais, como o persoal, a enerxía ou o mantemento, que é un caso moi claro. Considero positivo que en Galicia contemos cun plan de financiamento desde hai moitos anos, pero se non está nutrido con fondos suficientes para asumir a parte estrutural provoca problemas como os que afrontamos nós: os ingresos que recibimos pola parte estrutural non chegan para acometer os gastos. Ao mesmo tempo, estamos a conseguir moitos fondos de concorrencia competitiva —en particular, proxectos de investigación—. Isto é fantástico, pero tampouco resolve o problema, porque son fondos finalistas que deben destinarse a levar a cabo os proxectos de investigación e de colaboración con empresas, actividades moi importantes para a universidade. Todo isto identificouse e estamos traballando. Obviamente, a solución terá que vir, en gran medida, polo plan de financiamento. Ao mesmo tempo, por suposto, traballamos internamente para axudar a que ese desequilibrio entre ingresos e gastos estruturais vaia minorando.
Efectivamente, unha achega na parte estrutural. Tamén axudaría que algúns fondos que non son estruturais puidesen aplicarse a estas partidas. Temos moitos convenios que inclúen fondos finalistas para cuestións específicas, pero que non resolven o problema.
De momento, ese plan non avanzou case nada. Non pola nosa falta de vontade, senón porque a comisión que se supón que debería terse reunido practicamente non o fixo. Nós solicitamos á Xunta activar isto, e mesmo manter conversas ao máis alto nivel para abordar problemas técnicos concretos que nos afectan ás tres universidades. Entre eles está, por exemplo, a actualización dos salarios. As decisións que toma o Goberno do Estado sobre cuestións salariais non sempre se repercuten de xeito inmediato no financiamento, pero as universidades estamos obrigadas por lei a acometelas. Aproveitando que comezaron as negociacións para o plan de financiamento, creo que debemos ser moito máis áxiles e deseñar máis medidas para mellorar.
A Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU) establece que en 2030 debe destinarse ás universidades o 1 % do PIB. É suficiente?É fundamental camiñar cara a esa cifra que está prevista na lei, pero, desgraciadamente, aínda estamos moi lonxe. En todo caso, probablemente sería preciso un orzamento maior que ese 1 %. Por poñer un exemplo, o Goberno de China decidiu non hai moito tempo aplicar un 4 % do seu PIB á investigación. No caso do Estado español, entidades neutrais nas que tamén participa a empresa, como a Fundación CYD, estiman no seu último informe que en España se está a destinar o 0,75 % do PIB ás universidades. Isto significa que, para chegar ao 1 %, precisariamos investir un terzo máis. Se tivésemos un investimento neses termos —xa non digo o ano que vén, senón nun horizonte de cinco ou seis anos—, estariamos moito máis satisfeitos.
Moitos deles xa comezaron ao principio do mandato —e continúan—, e outros empezarán agora. A internacionalización da universidade deu xa froitos co aumento dos estudantes internacionais que veñen cursar graos. Neste momento alcanzamos a cifra máis alta da nosa historia: uns 700 estudantes da UDC proceden de fóra da Unión Europea, e iso é unha moi boa noticia. No eido da investigación houbo retos que teñen que ver, por exemplo, co agrupamento, coa creación de grupos de investigación cunha masa crítica aínda maior. Tamén coa consecución de avaliacións positivas, como as dos tres centros de investigación da cidade da Coruña —o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), o Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) e o Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC)—, e os incentivos para mellorar esas avaliacións no caso concreto do CITEEC, que aínda ten marxe de mellora. En Ferrol, o Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) abriu unha nova etapa do Centro Mixto de Investigación que temos xunto a Navantia.
O problema demográfico afecta a todo o sistema educativo, pero nas universidades aínda non notamos demasiado o seu efecto, que chegará no futuro. De feito, incrementamos a matrícula: este ano temos uns 13.700 estudantes de grao. No ámbito das ciencias da saúde temos cuberta a oferta, mesmo por enriba do 100 %. Son boas novas, pero, evidentemente, dentro de 12 anos os estudantes orixinarios de Galicia van ser menos polas cifras de natalidade. Desde a universidade debemos axudar á incorporación de máis perfís e formar profesionais cualificados en ámbitos que serán moi importantes, como a intelixencia artificial, as TIC ou a saúde, e tamén contribuír a que se incorporen estudantes de fóra da Unión Europea. Nese sentido, xa temos acordos con universidades de Chile e Arxentina, e estamos traballando nun primeiro protocolo de acordo cunha universidade chinesa para contar con titulacións dobres. En xeral, as universidades de China están moi interesadas en colaborar para que os titulados teñan un título con validez na Unión Europea, ademais de no seu país.
Precisamente ese é outro dos aspectos polos que resulta moi importante contar cun financiamento estrutural suficiente. Hai iniciativas que están sendo boas, como o programa María Goyri, que se puxo enriba da mesa por parte do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e ao que logo responderon de xeito afirmativo todas as comunidades autónomas —algunhas con máis dilixencia que outras—. Iso estanos permitindo incorporar 49 prazas de axudante doutor en áreas onde había profesorado asociado que agora, coas novas limitacións que impón a LOSU, ten menos docencia, e tamén nos axuda ao relevo en áreas onde había un profesorado que estaba a piques de xubilarse. Non obstante, deberiamos ter instrumentos que traballasen aínda máis intensamente, sobre todo porque facer un relevo xeracional acompasado é absolutamente necesario, pero anticiparse un pouquiño ten as súas vantaxes. Especialmente tendo en conta que, en investigación, desfacer grupos é moi rápido, pero crear outros novos leva moito tempo. Resulta moi positivo ter a posibilidade de contar cun certo período de convivencia entre os que están a piques de rematar a súa actividade e os novos que chegan. Por suposto, isto non é fácil de acometer cun financiamento exiguo. Á incorporación de talento axudan moito programas como InTalent, que levamos a cabo en colaboración coa empresa Inditex. Por certo, hai unha magnífica nova ao respecto: recentemente fíxose público o financiamento da Comisión Europea para este programa, dirixido á incorporación de talento posdoutoral. Percibiranse 2,7 millóns de euros en cinco anos, que nos van permitir contratar aproximadamente 15 investigadores posdoutorais que, seguramente, no futuro acabarán integrándose nas figuras típicas de profesor titular e catedrático. Iso axudará tamén a ter un relevo xeracional con persoal xa cualificado, moi ben formado como doutor, chegado á Universidade da Coruña de todos os lugares do mundo. Trátase de programas moi competitivos. Tivemos un semellante no ámbito predoutoral no CITIC, onde tamén se propiciou que viñesen facer as súas teses de doutoramento persoas de todo o mundo.
Acaba de remodelar o seu equipo de goberno, coa IA convertida nun eixo central mediante a creación da Vicerreitoría de Estratexia Dixital e Intelixencia Artificial. Que papel terá esta área no futuro da UDC?Un moi relevante, que diría que xa está a ter na sociedade. A investigación no ámbito da informática, e en concreto da intelixencia artificial, do machine learning, dos modelos de linguaxe e da aprendizaxe profunda está transformando a vida dos cidadáns. As administracións tamén comezan a facelo, pero no caso das universidades o cambio é aínda máis importante, porque somos institucións que xeramos coñecemento coa investigación e que o transmitimos ás persoas —titulados de grao, de mestrado e de doutoramento— e ao tecido produtivo a través da transferencia. A irrupción da intelixencia artificial ten un impacto enorme en todas as cuestións relacionadas co coñecemento. Debemos repensar moitos aspectos porque, de feito, o acto docente e de investigación vai cambiar por completo coa IA. Iso obríganos a asumir un papel de liderado. Non falo de liderado en solitario, nin moito menos. As universidades teremos que actuar dun xeito moi colaborativo, porque van cambiar os labores centrais que ten que levar a cabo un centro universitario, incorporando a intelixencia artificial dun xeito razoable, crítico, socialmente responsable e ético. Non pode ser que se xeren desigualdades debido a que os estudantes teñan acceso —ou non— a un axente de intelixencia artificial de pago. Pero si hai que incorporala, porque os estudantes serán os cidadáns e profesionais do futuro, e non poden pechar os ollos ante estas ferramentas.
Fundamentalmente, é unha iniciativa que xorde a partir das propostas do laboratorio de ideas da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial, do que forman parte investigadoras da UDC. Alí fíxose unha reflexión moi interesante, que consiste en tratar de propiciar liñas de investigación no ámbito da intelixencia artificial, sobre todo en aspectos de confiabilidade e respecto ético e social. Decidiuse constituír a rede —cuxo Comité de Coordinación teño a honra de presidir durante este primeiro ano—, coa idea de que os centros de investigación das dez universidades públicas que a conformamos traballen en conxunto e tamén coas autoridades. Sei que esta é unha prioridade para o Estado. Na conversa que tivemos na xunta reitora da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas, o presidente do Goberno indicou que incentivar o uso confiable e ético da intelixencia artificial é unha das súas prioridades. As universidades tamén temos que estar ao servizo da sociedade nese sentido. Tras a constitución da rede vanse acometer proxectos de investigación, labores de transferencia, formación de profesorado e de novos investigadores na confiabilidade, a ética e o uso responsable da intelixencia artificial.
Coñezo mellor o sistema galego, pero moitas cuestións son comúns a todo o Estado. Creo que o sistema universitario ten moitas fortalezas, particularmente en relación coa calidade da investigación que facemos. 
No caso español, é evidente que a inmensa maioría da investigación universitaria descansa nos centros públicos. Tamén existe no ámbito privado, pero é moito menor. Por outra banda, do total da investigación que se produce en xeral no sistema investigador, a inmensa maioría faise nas universidades —no caso galego, aínda en maior proporción—. Porén, temos retos moi importantes, como a intelixencia artificial, a demografía ou o relevo xeracional. Creo que, en España e en Galicia, é moi importante funcionar como un sistema universitario público unido, potente e colaborativo, que nos axude a posicionarnos nun momento altamente complexo. Temos moitas ameazas, pero tamén oportunidades. E hai que dicir que o sistema galego é moito máis forte do que percibimos.
Por exemplo, na última convocatoria de proxectos a nivel estatal, no noso caso tivemos a moi boa noticia de ter incrementado nun 60 % o número de proxectos e os recursos económicos conseguidos. Ademais, aínda que moitas veces nos infravaloramos, as tres universidades galegas tivemos uns resultados globais mellores ca os doutros centros enormes e con moita masa crítica, como a Universidade de Barcelona —que conta aproximadamente co mesmo número de estudantes e investigadores que as tres galegas—. O que necesitamos é financiamento. Volvo ao exemplo de China, cun investimento moi importante en investigación que propiciou que, en poucos anos, case triplicasen o número de centros que se atopan entre os mil primeiros. Foi unha decisión estratéxica. Para min é moi meritorio que España teña trinta das mil mellores universidades no ranking de Xangai. No caso concreto da UDC, nalgúns ámbitos estamos moi ben situados, aínda que non nos atopamos entre esas mil. Hai que ter en conta a enorme cantidade de universidades que existen no mundo e, ademais, no caso concreto do ranking de Xangai inflúen moito o tamaño e a importancia histórica dos centros —como o número de egresados que recibiron o premio Nobel, algo moi difícil de conseguir para unha universidade nova como a da Coruña—.
Destacaría os nosos bos resultados en áreas moi concretas, como as enxeñarías, as tecnoloxías en xeral ou o ámbito sanitario. Tamén que estamos moi próximos ao tecido produtivo, no que contamos con numerosos aliados. Antes falabamos de Inditex, co programa InTalent ou a Cátedra de Intelixencia Artificial en Algoritmos Verdes —na que tamén está implicado o Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública—, pero temos outros magníficos exemplos, como o Centro Mixto de Investigación con Navantia en Ferrol, que leva mobilizados preto de once millóns de euros desde 2015 formando investigadores e tecnólogos. Para un estaleiro como o de Navantia en Fene e en Ferrol, isto favorece avanzar cara á mellora dos procesos de fabricación, entre outras cousas. Son exemplos fáciles de entender porque falamos de empresas grandes, pero tamén contamos con numerosas cátedras e contratos de transferencia con pequenas e medianas empresas. Deste xeito, estas compañías tamén poden beneficiarse dos logros que conseguimos. En total, temos arredor de trinta cátedras con diferentes empresas e institucións.
Esta é unha das cuestións que hai que identificar e corrixir como froito da análise que debemos levar a cabo as tres universidades e a Xunta. Do mesmo xeito que temos graos con máis necesidade de prazas —porque teñen moita máis demanda—, hai outros nos que debemos modificar cousas para facelos atractivos, ou ben optar por outras solucións. Xa estamos traballando para identificar estes casos e tratar de mellorar. De todas formas, esta cuestión non é exclusiva da actualidade. Durante un tempo, no grao de Enxeñaría Naval e Oceánica non se cubrían todas as prazas, aínda que os seus egresados eran moi demandados. Polo tanto, que non se cubrisen as prazas non era unha razón para que a titulación —única en Galicia— deixase de existir. En casos como este, haberá que motivar máis a xente facéndolle ver a alta taxa de empregabilidade. Noutros seguramente será necesario redimensionar, decidir se algún grao concreto ten sentido coa orientación actual. Entre os exercicios que temos que facer nos vindeiros meses está determinar cales son os graos nos que cómpre introducir cambios ou mesmo retoques importantes, pero tamén en que áreas se podería optar por establecer novas titulacións.
As matemáticas son unha parte da ciencia cun alto grao de abstracción. Tratan de formular solucións a problemas, e a vantaxe da parte das matemáticas da que eu me ocupo, a estatística, é que eses problemas case sempre nacen de casos reais. Un exemplo concreto é a análise de supervivencia, na que traballa moito o noso grupo —e á que eu mesmo me dediquei—, que foi moi utilizada durante a pandemia. Moitos dos modelos que se propuxeron a partir de mediados do século pasado foron formulados para problemas médicos, co obxectivo de dar mellores respostas e analizar ata que punto certas variables teñen influencia nunha maior supervivencia. Logo foron utilizados a principios deste século, por exemplo, para mellorar a análise e a estimación de algo moito máis prosaico, como os impagamentos nos bancos. Porque o mesmo modelo matemático que serve para ver ata que punto un paciente pode continuar vivo —ou falecer por unha ou outra causa— serve para saber se un crédito continúa vivo e non foi impagado. Moitas das cousas nas que investigamos aplícanse a cuestións diferentes das que as orixinaron.
Foi unha época tremenda. Creo que sacou o mellor e o peor dos seres humanos. Quero pensar que da inmensa maioría de nós sacou o mellor. Entre os investigadores e investigadoras tivo a repercusión de facer que nos puxésemos en contacto uns con outros, porque as matemáticas non deixan de ser unha ferramenta para moitas outras ciencias. Tiven a honra de presidir o Comité de Expertos de Acción Matemática contra o Coronavirus, o que me deu a posibilidade de contactar con moita xente, de levar a cabo proxectos sumamente ilusionantes e moi fermosos desde o punto de vista humano e técnico, como os de detección da cantidade de material xenómico do virus nas augas residuais. Os métodos estatísticos para poder analizar cousas como a carga viral e as novas variantes foron retos para nós. Nestes casos, habitualmente contamos con datos individuais, pero nas augas residuais tiñamos todo o material xenómico mesturado, polo que resultaba complicado coñecer a presenza das distintas variantes. Iso deu lugar a moitas colaboracións duradeiras e nas que se estableceron boas relacións entre grupos interdisciplinares.
No meu caso, as responsabilidades como reitor agora déixanme pouco tempo para a investigación. Persoalmente é unha situación estraña, porque por primeira vez na miña vida non estou a dirixir ningunha tese. Porén, entre os últimos traballos que se fixeron hai proxectos moi interesantes. Por exemplo, unha tese que modeliza —en colaboración con colegas do Chuac— como tratar de anticipar a posible cardiotoxicidade producida por certos fármacos en pacientes con cancro de mama empregando imaxes de ecografía Doppler. Para nós foi algo fantástico, xa non como estatísticos, senón como seres humanos, tratar de axudar neste ámbito. Máis recentemente publicouse outra tese —tamén en colaboración co Chuac— na que utilizabamos métodos estatísticos baseados nos chamados modelos de curación. Este tipo de iniciativas resúltanme moi gratificantes. Os estatísticos sentímonos moi afortunados de poder axudar a resolver problemas reais.