O premio Ramiro Carregal galardoa a Ana Belén Cid

A cardióloga do Chus obtivo este recoñecemento polo seus avances na insuficiencia mitral grave

Ana Belén Cid

O pasado 22 de abril, Ana Belén Cid, doutora do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela e membro do Instituto de Investigación Sanitaria da cidade (IDIS), recibiu o V Premio Ramiro Carregal de Investigación en Cardioloxía. O galardón foi entregado na Capela Real do Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela en base ao traballo de investigación Enfermidades cardíacas valvulares no que ela lidera a varios profesionais nun estudo sobre a insuficiencia mitral grave. A dotación supón 30.000 euros que financiaron esta iniciativa centrada arredor dunha afección habitual nos maiores de 75 anos.

“O recoñecemento pertence a todo o equipo que está implicado no tratamento destes doentes. Para min é unha honra representalos e recoller este premio que pon en valor o esforzo diario no labor asistencial de moitos profesionais da sanidade pública”, declarou a cardióloga sen deixar de loar o “mecenado” de galardóns como o Ramiro Carregal para facer posibles proxectos de investigación.

Aparte da súa coordinadora, o equipo de traballo neste proxecto está conformado por Ramiro Trillo Nouche, Amparo Martínez Monzonís, Alfredo Redondo Diéguez, Ana García Campos, Inés Gómez Otero, Belén Álvarez Álvarez, Violeta González Salvado e Xabier Irazustra Olloquiegui. “A insuficiencia mitral consiste nunha fuga da válvula do corazón que separa o ventrículo e a aurícula esquerdos. Nos casos graves o seu prognostico, en canto a hospitalización ou mortalidade, soe ser negativo. Moitos dos pacientes tiñan un alto risco para unha cirurxía convencional aberta”, comentou a representante do grupo.

A facultativa explicou o desenvolvemento dunha técnica minimamente invasiva denominada percutánea: “faise nun laboratorio hemodinámico ―no que se realizan procedementos diagnósticos e terapéuticos invasivos― a través de catéteres que colocamos nas venas periféricas para chegar ao corazón. Dentro das diferentes técnicas, a máis utilizada é a de ‘borde a borde’. Consiste en unir dúas partes da válvula cun clip para reducir a fuga”.

Fomos o primeiro centro de Galicia que empezou a tratar a persoas con insuficiencia mitral grave mediante esta técnica. Dende aquí foi evolucionando, de maneira que estamos nun escenario que nos permite abarcar a pacientes máis complexos. Agora nos plantexamos o obxectivo de mellorar o tratamento para eles”, indicou a médica. Tamén detallou que poderán crear “modelos preditivos computacionais específicos para cada individuo a través da Tomografía Axial Computerizada (TAC)”. 

Como presidenta da Sociedade Española de Cardioloxía Intervencionista, Ana Belén Cid ofreceu a súa perspectiva da situación actual da especialidade en Galicia: “ten un desenrolo moi importante. Fomos a primeira comunidade autónoma multiprovincial en levar a cabo un programa de Código Infarto ―protocolo de atención de urxencias e resposta rápida para os ataques ao corazón―. Coido que en Galicia podemos presumir de ter unha cardioloxía de primeira orde tanto a nivel nacional como internacional.

A pesar dos seus diferentes cargos, a cardióloga afirmou que a motivación pola súa especialidade permítelle sacar tempo da súa vida para abarcar a súas responsabilidades. “Para min é un privilexio poder dirixir a Sociedade Española de Cardioloxía Intervencionista. Intento aportar todas as miñas forzas para este cometido sen quitarlle tempo ao labor asistencial”, declarou antes de destacar a importancia da investigación. “Veño dunha familia que potenciou a curiosidade. Aínda que supón un gran esforzo, compénsame realizar este traballo porque día a día afrontamos moitas preguntas como médicos. É o noso deber resolvelas para seguir avanzando”.

Premio Ramiro Carregal