

O noso Colexio acolleu o pasado 7 de abril un evento vinculado á beleza das letras. A xefa do Servizo de Oncoloxía Médica do Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP) ―e, ata hai poucos meses, presidenta da Comisión de Deontoloxía e Ética colexial―, Begoña Graña, presentou na sede da nosa institución o seu novo poemario, Médica de Garda, publicado pola editorial Medulia. A obra supón unha viaxe emocional a través da perspectiva da doutora e outros profesionais durante unha época tan difícil como foi a crise sanitaria vivida durante a Covid-19.
“Estamos aquí co motivo da presentación do libro dunha muller marabillosa e unha profesional respectada, pero é moito máis que iso. É unha médica de intereses multidisciplinares na sua profesión e nas artes. Levou o premio Pura e Dora Vázquez de narración infantil da Deputación de Ourense co seu libro Adrán e a fábrica de xeo, dixo Luciano Vidán, presidente do noso Colexio, rememorando o labor e versatilidade da autora. Aparte de Begoña Graña, a presentación contou coa participación de Xulio López Valcárcel, editor da obra, e Arturo González Quintela, catedrático de Medicina Interna na Universidade de Santiago de Compostela. Ademais, Alba, filla da escritora, tamén tivo un lugar especial na mesa e no encontro.
“Sempre tiven interese pola escritura. Dende que era cativa, quixen ser escritora”, afirmou a autora antes de ofrecer unha perspectiva unificada das dúas vocacións da súa vida. “A medicina non está tan desvinculada das artes. Moitas facultades de España e do mundo teñen materias que as unen. Unha forma de mostrar experiencias humanas, como o contacto coa morte ou o sufrimento, é reflectilas no arte”. A doutora explicou como afrontaron os momentos de crise provocados pola pandemia, “nos que tivemos que organizarnos moi rápido”.
Begoña Graña expandiu a importancia da arte para incluír o seu papel terapéutico para afrontar problemas vitais, como a Covid-19: “axuda a sublimar o que sufrimos todos os días. O libro naceu cando a pandemia caeunos de golpe. Un dos poemas fala dun día de garda no que saín desfeita do hospital. Non me apetecía ler protocolos e empecei a escribir. Estiven dous anos”.
Cando irrompeu a pandemia “non sabiamos nada sobre ela, pero ao mesmo tempo houbo moito traballo de equipo. Eran un gran número de profesionais de diferentes áreas, dende os que estábamos de garda ata os laboratorios. No libro trato todo o sufrimento co que lidamos e como evolucionou co paso das vagas”, comentou reflexionando sobre aquel tempo tan conflitivo para os sanitarios. “Do entusiasmo inicial, no que nos aplaudían cada día, pasamos a certa sensación de desapego, incluso de desprezo. Vivimos situacións moi desagradables con xente que non quixo poñerse a máscara ou que non nos facía caso”.
Médica de Garda recompila unha selección destes textos ideados durante os anos de pandemia. Contén experiencias e sentimentos similares que moitos tivemos, pero o importante tamén é o que queda despois. Ás veces dá un pouco de medo pensar que non aprendemos moito”. O interese da obra por recordar nace das tendencias negacionistas contra avances científicos tan importantes como as vacinas ou as noticias falsas creadas polas organizacións mundiais e os políticos. O libro é unha testemuña do ocorrido, porque imos esquecelo.
A doutora Graña falou do carácter cíclico da historia e as tendencias humanas e puxo de exemplo outra gran enfermidade que afectou o país. “Revisei a gripe española de 1918 e ten moitas analoxías coa nosa pandemia. Houbo bulos e culpouse á vacinación de que causaba rabia. Os médicos organizaron comedores porque a xente morría de fame na rúa. Persoas como Gregorio Marañón tiveron que saír para falar da importancia da saúde pública, pero todo aquelo quedou no esquecemento. Poderíamos contar a historia de pandemia en pandemia”.
Xulio López, editor deste poemario, manifestou a importancia da obra e a súa aportación. “Hai libros que xorden da imaxinación, da memoria e da reflexión. Outros nacen da investigación, do cálculo e do traballo intelectual. Haberá algúns que abrollen da improvisación. Este nace da pura necesidade interior de dar testemuña do vivido”. O poeta aproveitou os textos de Begoña Graña para mostrar a forza da súa mensaxe: “a morte é inevitable, pero a pandemia mergullounos nunha zona escura. Tróuxonos, en palabras da autora, ‘a morte cando non tocaba’”.
“Nesas datas de obrigado confinamento houbo infinidade de persoas que se dedicaron a compoñer cancións, pintar cadros e escribir libros. Na súa inmensa maioría son obras concibidas e realizadas dende fóra; que nada teñen que ver coa enfermidade que mergullou ao mundo nunha onda de angustia. O libro da doutora Graña concíbese e execútase dende dentro; dende o ventre da balea, do terrible leviatán que tronzou milleiros de vidas”, expuxo antes de engadir que a autora “foi testemuña directa do que alí ocorreu, da implicación do persoal no seu conxunto”.
“Begoña se distingue por su rigor en la vida, su rebeldía ante las cosas mal hechas y su vertiente polifacética”, comentou Arturo González na súa intervención. Como sanitario, o facultativo evidenciou o impacto da enfermidade no mundo e destacou o tempo récord no que a humanidade creou as vacinas. Tamén disertou sobre a capacidade da xente para esquecer. Porén, evidenciou que en Reino Unido milleiros morreron no que vai de ano: “nos gusta hablar en pasado, en parte porque el virus ha vuelto un poco más bondadoso o menos maligno, pero creo que nosotros no. Nos hemos hecho más pragmáticos, utilitaristas y negacionistas de lo ocurrido”.
Ante as consecuencias deixadas pola pandemia, o catedrático valora a aportación social do traballo da autora. “Creo que un libro como este es tan necesario porque el tiempo es traidor, borra lo malo y deja sólo lo bueno. Hace falta la verdad, y no hay mayor verdad que la de la poesía, que son sentimientos en papel y estos son incontrovertibles. Es importante que se recuerde a todos los sanitarios que estuvieron en primerísima línea”.
Con respecto aos referentes da súa literatura, Begoña Graña asegura que “a miña casa está chea de libros que desexo ler, aínda que non teño moito tempo. Leo moita poesía e teño autores galegos moi bos que son premios nacionais de literatura. Un deles e Luísa Villalta ―á que se lle dedicou o Día das Letras Galegas neste 2024―. Era moi descoñecida ata agora. Foi poeta, dramaturga, ensaísta e música”.
A autora explicou o seu interese polo seu xénero preferente ao enfrontarse á folla baleira: “gústame moito escribir, pero a prosa esíxeme moita continuidade. Non podes facer un capítulo dun libro nunha hora que teñas libre. Ás veces digo que leo e escribo poesía por economía. É máis breve e está todo moi sintetizado. No fondo conéctase moito coa linguaxe científica: cada palabra ten que estar moi medida e non sobra ningunha. A poesía axúdame moito. O malo é que perde cando non a les na súa lingua nativa”. A doutora non pensa deixar de compaxinar as súas paixóns e xa prepara os textos das seguintes obras. “Estou traballando nun par de libros máis. Este ano a Xunta concedeume unha semana de residencia literaria en San Simón. Intentarei coller vacacións para retirarme alí a escribir e intentar acabar un dos libros”.
O final da presentación estivo marcado polas lecturas de varias pasaxes de Médico de Garda. A autora leu extractos que abordaron as sensacións do confinamento, os numerosos protocolos de actuación e as duras xornadas de traballo. As vacinas tiveron un momento especial “para recordar o importantes que son”, asegurou. A última parte tivo como protagonista a outro membro da familia Graña. A filla da doutora leu un dos últimos poemas, que estivo centrado no futuro tras a pandemia e cuxos versos finais chaman á solidariedade: “Coidémonos entre todos para frear os individualismos desapiadados / para poder vivir con dignidade o presente / para deixarlle aos nosos herdeiros un futuro esperanzador”.
