

A sede colexial de Santiago de Compostela acolleu o encontro Fala, memoria, no que Benito Martínez, compañeiro do noso Colexio especialista en Medicina Familiar e Comunitaria, abordou a evolución da medicina —especialmente da atención primaria e das urxencias— a través da súa experiencia persoal e profesional. Durante a sesión, repleta de anécdotas e reflexións, ofreceu unha perspectiva sobre o xeito no que se foi moldeando a práctica médica e o sistema sanitario desde os tempos da súa formación na década de 1970 ata a actualidade. O doutor Martínez non só destacou os avances tecnolóxicos, senón tamén os cambios sociais e políticos que influíron na prestación de coidados de saúde.
A vicepresidenta segunda do Colexio, Azucena Prieto, foi a encargada de presentar a sesión e ao seu protagonista, ao que cualificou como “un maestro para todos los que estamos aquí y para muchos otros”. Na nosa sociedade producíronse cambios “que afectan a la formación y a la manera en la que entendemos la medicina, pero los profesionales seguimos siendo un modelo para los residentes que formamos, como Benito Martínez lo fue —y aún lo es— para nosotros. Siempre nos acordamos de ti y de tus enseñanzas. Creo que no debemos perder el recuerdo que has dejado en nuestra memoria, y por eso decidimos organizar esta charla”, afirmou.
O doutor Martínez comezou repasando os grandes cambios producidos na medicina durante as décadas de 1950 e 1960, como os pulmóns de aceiro ou a popularización da penicilina, a estreptomicina ou os corticoides, a anestesia intravenosa, a aparición das UVIs ou a práctica regrada e segundo a mellor evidencia da reanimación cardiopulmonar. Todo iso, unido ao desenvolvemento de innovacións como a cirurxía cardíaca aberta e a hemodiálise, marcou unha nova era na medicina.
Tamén compartiu historias sobre as dificultades enfrontadas polos profesionais de saúde en períodos de escaseza e inestabilidade política —como sucedeu durante a autarquía na España da posguerra— ou as precarias condicións nas que había que pasar consulta nos centros —se os había— ou nas casas.
Con respecto á evolución da medicina de urxencias, Benito Martínez incidiu na importancia da formación continua e da adaptación aos cambios nas necesidades dos pacientes. Máis alá dos coñecementos técnicos, destacou tamén a importancia de desenvolver habilidades de pensamento crítico e empatía, fundamentais para proporcionar unha atención de calidade, e de reflexionar sobre os casos atendidos para poder obter conclusións.
Durante a súa intervención tamén abordou a enorme velocidade coa que foi medrando a demanda da atención urxente en adultos e a presión sobre os profesionais da saúde. A comezos da década de 1990, en Santiago o panorama non invitaba ao optimismo, e os profesionais reclamaban solucións á sobrecarga, as demoras no ingreso e a falta de espazo, chegando a valorar a posibilidade de acudir á folga.
A mediados da última década do pasado século naceu o 061, que, segundo indicou, “cambiouno todo”. Despois, comezouse a pensar máis na formación dos residentes, para os que se deseñaron cursos de formación e que sempre estaban acompañados por profesionais con experiencia. Isto contrasta coa situación que o doutor Martínez viviu durante a súa formación, na que os residentes chegaban a ter que facer as gardas sós, sen titores.
Outro dos fitos no sistema sanitario galego foi o traslado do Hospital Xeral de Galicia ao Hospital Clínico de Santiago, con máis persoal e equipamento técnico, aínda non exento de problemas, como o colapso do Servizo de Urxencias co que comezou o novo século na capital galega. O repaso á evolución da sanidade chegou ata os nosos días, con especial énfase na abordaxe da crisis sanitaria provocada pola Covid-19 e as dificultades que trouxo consigo para a atención dos pacientes.