Ourense nomea a Marisa Crespo filla predilecta da provincia

O acto celebrouse no centro cultural Marcos Valcárcel e recoñeceu a dilatada traxectoria da xefa de Sección de Insuficiencia Cardíaca do Chuac e Medalla de Ouro e Brillantes do Colexio

Ourense rendeu un sentido homenaxe coa entrega dun dos seus máis prestixiosos recoñecementos a unha da súas concidadáns: a doutora Marisa Crespo, xefa de Sección de Insuficiencia Cardíaca do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña —Chuac— e Medalla de Ouro e Brillantes do Colexio. O 6 de xullo, a facultativa foi honrada co título de filla predilecta da Deputación. Unha traxectoria profesional fundamentada sobre numerosos éxitos e méritos, así como a súa calidade humana, foron algúns dos puntos laureados durante a homenaxe, celebrada no salón de actos do centro cultural Marcos Valcárcel.

O presidente da Deputación ourensá, Luis Menor, presidiu o evento, acompañado na mesa polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a doutora Crespo. Entre o público estiveron presentes autoridades como o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, e o presidente do noso Colexio, Luciano Vidán. O acto estivo precedido pola interpretación musical da violonchelista Susana Blanco.

José Manuel Vazquez, xefe do Servizo de Cardioloxía do Chuac, realizou a laudatio dedicada á súa compañeira e amiga. “Marisa Crespo é unha médica moi boa; unha excelente cardióloga entregada aos coidados dos seus pacientes, aos que dedica moitas horas do seu tempo libre. A súa calidez humana e a súa dedicación profesional teñen deixado unha fonda pegada no corazón de Galicia e na vida de incontables doentes. Esta entrega, nun momento en que se está perdendo o sentido social do traballo, é un exemplo para as novas xeracións de profesionais sanitarios e tamén para todos os que traballamos ao seu carón”.   

O xefe de Servizo relatou a vida da doutora Crespo, que empezou en Santrós —no municipio de San Cristovo de Cea—, e falou da súa residencia na Clínica Puerta de Hierro de Madrid —un dos primeiros centros en realizar transplantes cardíacos en España—. En 1993, uniuse ao Chuac. Alí fíxose cargo do programa de seguimento de transplante cardíaco cando había, ata o momento, 40 pacientes. Hoxe leva 940. Ademais, dedicou meses das súas vacacións en hospitais estranxeiros —como o de Stanford, en California— para mellorar a súa formación. A doutora Crespo levou a cabo máis de 500 comunicacións en congresos e publicou máis de 450 artigos nas revistas máis prestixiosas da especialidade. 

Tamén mencionou os seus logros, tanto a nivel nacional —presidenta da Sección de Insuficiencia Cardíaca e Transplante da Sociedade Española de Cardioloxía— e no resto do mundo —primeira persoa de España membro da xunta directiva da Sociedade Internacional de Transplante Cardíaco e Pulmonar—. “A relevancia da súa presenza internacional significa que a doutora Crespo é recoñecida como unha das mellores cardiólogas no mundo e é reclamada polos equipos que elaboran as directrices que aplicamos os cardiólogos para atender os pacientes con doenzas do corazón”. 

José Manuel Vazquez concluíu a súa intervención asegurando que Marisa Crespo destaca como “unha profesional de prestixio mundial que se move por todo o planeta e que é profundamente ourensá e orgullosa da súa terra”. Tamén resaltou a “súa personalidade magnética” e a súa “habilidade para forxar relacións duradeiras”.

A deputada de Política Sociais Patricia Torres leu o acordo plenario deste nomeamento, no que se destaca que “algunhas persoas desenvolven a súa vida ligadas a este territorio que os viu nacer e a súa actividade transcende profundamente os límites da nosa provincia contribuíndo a fomentar o coñecemento destas poboacións a niveis insospeitados. Este é o caso da doutora Marisa Crespo”.

A continuación, o presidente provincial e o conselleiro de Sanidade entregaron o certificado enmarcado que recoñece a doutora Crespo como filla predilecta da provincia. O momento volveu estar acompañado polo violonchelo de Susana Blanco, que aportou maior solemnidade.

A facultativa agradeceu con sentida emoción esta honra. “Sempre é emocionante recibir un premio ou un recoñecemento, pero en moi poucas ocasións unha recibe un título como o de ser filla predilecta da terra na que naceu. Terra, familia e filla. Tres palabras. Tres ideas. Tres conceptos que dan forma á ecuación emocional que, xunto coa medicina, implican e sintetizan a miña vida”.

Recordou con cariño a influencia dos seus pais —María Generosa Leiro e Modesto Crespo—, o seu tío —Agustín Leiro—, a súa irmá —a doutora María Crespo— e os seus sobriños —Martín e María— . “Debo insistir en la familia, porque ellos han sido la explicación de llegar hasta aquí. Son el apoyo incondicional por el que continúo por el camino y la raíz más fuerte que me sujeta”.

Tamén describiu con apego a súa terra, Santrós: “un lugar precioso de la Galicia interior. Verde y húmeda. Fresca y también calurosa. Aquí se reúnen tres de los mil ríos gallegos —el Mirela, el Arenteiro y el Marañao—. Es un lugar mágico, mi paraíso”. De seguido, engadiu que “somos como esas aldeas galas irreductibles, enamorados de nuestro origen y de nuestra personalidad. Orgullosos de nuestras peculiaridades y de nuestra idiosincrasia”. 

Lembrou a súa primeira escola, no medio do monte e sen luz, experiencia que definiu como “un capítulo da historia máxica de Galicia”. O seu amor polo estudo e o coñecemento levouna ao Colexio Carmelitas de Ourense e despois á Facultade de Medicina de Santiago de Compostela. Fixo mención á doutora Pilar Lamela, con quen iniciou a práctica clínica xunto á súa irmá. Relatou a súa “primeira e intensa experiencia vital na medicina clínica” no Hospital Santa María Nai de Ourense. Dedicou palabras aos seus mentores neste centro: o doutor Manuel de Toro —médico internista con que fixo a súa primeira historia clínica— e o doutor José Fernández —xefe de Medicina Interna—. Tamén falou do doutor Luis Pulpón, que a instruíu no transplante cardíaco no hospital Puerta de Hierro de Madrid. “Cuando van pasando los años y vas haciendo camino, ya incluso de vuelta, te vas dando cuenta de lo importante que fueron las personas. Cómo te ayudaron a esculpir tu personalidad; cómo llenaron de contenido tu almacén mental; cómo te enseñaron el oficio, la profesión y toda la generosidad de compartir su conocimiento contigo. Es una idea que tengo muy arraigada en mi interior. Tenemos que compartir el conocimiento, el avance, la actualización y la puesta al día en la medicina”.

O programa de transplantes do, por aquel entón, hospital Juan Canalejo fixo da Coruña o seu seguinte destino. As súas vivencias ensináronlle a importancia do traballo en equipo. “O éxito do programa de transplantes do Chuac é que somos unha cadea, que é tan forte como o máis débil dos seus elos. O noso traballo é dunha enorme complexidade. Todos os elementos do equipo somos necesarios. Se falla un, todo o traballo fracasa. Non só é necesario un bo cirurxián ou que o médico sexa sabio e traballador. Nun só transplante traballan moitísimas persoas que desenvolven distintas tarefas. Calquera erro pode levar ao fracaso e á morte do paciente. Por iso hai que coidar a todo o equipo”.  

“A medicina ensinoume moitas cousas. Unha delas foi a de tratar de empatizar co paciente, a persoa que sofre, e entender sempre á outra parte —á súa familia, á súa contorna e ás súas circunstancias—. Isto é unha aprendizaxe continua. O meu obxectivo resúmoo nunha frase: tratar ao paciente como a min me gustaría ser tratada”, explicou a facultativa.

Marisa Crespo sinalou a importancia da xente que a apoiou. “La amistad, que para mí es la otra religión, me ha traído hasta aquí con mucha gente que me entiende, que me ayuda, que me quiere y que me inspira”. Para finalizar, afirmou que “agora síntome máis obrigada que nunca a continuar a senda de traballo, investigación e entrega a unha profesión que naceu claramente para axudar aos demais”.

Os aplausos culminaron o discurso da homenaxeada e precederon a intervención de Antonio Gómez Caamaño. “Hoxe é un día feliz porque estamos a celebrar un recoñecemento a unha traxectoria persoal e profesional realmente extraordinaria, e celebrar o esforzo de toda unha vida fainos mellores a todos nós”. 

O conselleiro de Sanidade valorou o traballo da doutora Crespo ao resaltar as vicisitudes da súa vocación. “A medicina é fermosa, é proximidade, é compaixón e é esperanza; pero tamén é moi demandante, moi sacrificada e incluso esgotadora. Neste escenario, hai persoas que viven a medicina dunha maneira especial e intensa. É o caso da doutora Marisa Crespo”. O representante da Xunta describiuna como un exemplo “de excelencia en docencia, asistencia e investigación”, así como en “coñecemento, experiencia e capacitación”.

Finalmente, Luis Menor pechou o acto recoñecendo os méritos da nova filla predilecta da provincia. “Se a calidade humana se mide en afectos, en amizade e no brillo dos ollos de quen rodea a unha persoa, está claro que Marisa ten unha cantidade de afectos impresionante”. Tamén resaltou que “estamos ante unha das persoas con maior prestixio de Ourense e unha eminencia no ámbito da cardioloxía”, recalcou o presidente provincial. Durante a despedida do evento deste recoñecemento recalcou que se trataba dun “paso natural nunha evolución sobresaínte de alguén que nunca esqueceu de onde viña, que nunca perdeu a perspectiva da súa orixe e que sempre se sentiu orgullosa do seu lar”.