Respondendo á magnífica acollida que tivo o Taller de Memoria e Actividade Física Saudable que impulsou o Colexio esta primavera pasada, pareceunos moi pertinente darlle continuidade cunha duración máis extensa
Como vos diciamos na primeira edición, consideramos moi pertinente impulsar unha actividade de prevención como é un Taller de Memoria e Actividade Física na consecución dun envellecemento activo e saudable. Por iso, puxémonos en contacto con AFACO a Asociación de Familiares de enfermos de Alzheimer da Coruña, á que lle transmitimos que as actividades do proxecto que ofrecese ao Colexio, debían de estar abertas dirixidas á participación de calquera colexiado/a en activo ou xubilado/a maior de 60 anos, e abarcaría tamén aos seus familiares próximos desa idade, así como ao seu cónxuxe ou parella e amigos/as.
De acordo con esta premisa, o programa de continuidade que vos presentamos está dirixido a persoas sas, maiores de 60 anos, cunha intervención sustentada nos múltiples estudos que mostran que unha vida social e intelectual activa e saudable, prevén e atrasa a aparición da deterioración cognitiva e produce unha mellora do estado físico e anímico.
Preténdese un proxecto integral global, dirixido ao área cognitiva, pero tamén ás funcións físicas, social e afectiva, xa que a afectación de calquera delas, produce un empeoramento significativo da calidade de vida da persoa.
Os obxectivos do Programa son:
– Manter as capacidades cognitivas.
– Mellorar o estado físico.
– Fomentar as relacións sociais. Aumentar a autoestima e mellorar o estado de ánimo.
– Mellorar a calidade de vida.
En canto ás intervencións, exporíanse, entre outras:
– Técnicas de Estimulación Cognitiva, incluíndo Actividades de Estimulación Cognitiva por Computador.
– Actividades de Estimulación Emocional.
– Técnicas de Mellora de Habilidades Sociais.
– Programa de Adestramento Físico.
– Posibilidade de expor Saídas Culturais / Camiñadas.
Estas intervencións veríanse modificadas, en función das necesidades e expectativas das persoas asistentes ao Programa, no sentido, de que se realiza unha formulación inicial que se iría modificando en base a propostas dos integrantes do grupo, dentro dun concepto de mellora e avaliación continua.
Por todo iso, estimamos que este programa de continuidade é unha iniciativa que será novamente moi ben aceptada por un amplo número de compañeiros/as, como o foi a experiencia piloto do programa da pasada primavera.
Horario, días e lugar de impartición
Lugar: Sede Central do Colexio, Avda. Salvador de Madariaga 66-Entresollado
Días: Todos os martes
Horario: 10.30h a 12.00 h.
Data de Inicio: Martes, 8 de Outubro.
Data de Finalización: Martes, 17 de Decembro.
Número de persoas participantes
Para este programa admítese un máximo de 15 persoas entre colexiados/as e acompañantes. Se a actividade non concita unha adhesión dun mínimo de 5 persoas participantes, a actividade non levará a cabo.
Importe
O Colexio, como sempre, subvenciona nunha porcentaxe importante os custos dos cursos. No suposto de concitar o mínimo de 5 persoas a achega por persoas será de 25€. Se se produce unha maior adhesión de persoas participantes a cota verase reducida proporcionalmente.
Inscrición gratuíta: Aberta
Período de Inscrición
Desde o mércores día 25 de setembro ao venres 4 de outubro ás 12h.
Nota
No suposto de producirse máis solicitudes do mencionado aforo, procederíase, como é norma no Colexio, a un sorteo para seleccionar aos participantes, ese mesmo día da finalización do prazo de inscrición.
Formalización:
Nome e apelidos do colexiade/a e acompañante mediante:
-Telf do Colexio: 981.29.58.99 (Sr. Francisco López, só mañás)
-Pre inscrición en páxina WEB do COMC, pulsar aquí.
-correo-e: culturacolegio@comc.es