A Real Academia de Medicina de Galicia inicia o ano académico

No acto de apertura entregáronse os Premios de Investigación Médica e David Suárez Quintanilla pronunciou un discurso sobre a odontoloxía e os canons de beleza

A Real Academia de Medicina de Galicia celebrou a inauguración do seu ano académico o pasado 23 de xaneiro na súa sede da rúa Durán Loriga. Durante a sesión pública, o doutor Alberto Juffé —académico numerario de Cirurxía Cardíaca e secretario xeral da organización— leu a memoria de 2025. Tamén se realizou un discurso centrado na odontoloxía e os canons da estética facial e se entregaron os Premios de Investigación Médica correspondentes ao pasado ano.

Francisco Martelo, presidente da Real Academia de Medicina de Galicia, dedicou a súa intervención aos agradecementos aos participantes da xornada e as entidades colaboradoras, como o noso Colexio e o de Farmacia, a Consellería de Sanidade, o Concello da Coruña, a Secretaría Xeral da Lingua, a Fundación ABANCA, a Universidade da Coruña, a Real Academia Galega de Farmacia e a Real Academia Nacional de Medicina, entre outros.

O doutor Martelo tamén falou das áreas máis destacadas na estratexia institucional realizada no 2025, empezando polos novos estatutos, “o documento de regulamento interno que establece as normas, directrices e procedementos suplementarios que benefician a eficiencia operativa”, sinalou. 

Ademais, “este ano, por fin, levamos a cabo a enorme tarefa de poñer ao día dúas áreas fundamentais na institución”: o arquivo histórico e a biblioteca da Real Academia de Medicina de Galicia. Ao afondar neste labor, explicou que “o importante patrimonio documental, con textos que datan do ano 1813, permaneceu en malas condicións durante décadas. A súa posta a punto, ordenamento e catalogación realizouno unha empresa especializada, tras acordo da Xunta de Goberno. O traballo finalizou de maneira satisfactoria o pasado 26 de novembro de 2025. Esta importante recuperación é un paso decisivo para a futura dixitalización e posta a dispor dos estudosos do noso pasado documentado”.

Respecto á biblioteca, o poñente subliñou que se trata dunha “prioridade transcendental” que “chegue a ser un centro vivo de lectura e estudo”. Detallou que o traballo de expurgo iniciado no 2025 continuará ao longo de 2026 “a través dun convenio cunha empresa privada”. Esta entidade “realizará a limpeza, catalogación, clasificación e ordenación de todos os fondos, que, posiblemente, pasarían a ser unha biblioteca municipal cunha importante dotación de libros médicos do Concello da Coruña. Estes serían cedidos á nosa institución”.  

Por outra banda, engadiu que “coas novas normativas de estatutos e o regulamento interno teremos ferramentas novas para a creación dunha fundación da Academia”. Esta institución permitiría “unha mellor relación para establecer convenios de cooperación con empresas privadas; manter a colaboración con entes do sector público que apoian proxectos, como as universidades da Coruña e Santiago —para achegar os alumnos da Facultade de Medicina ás nosas actividades— ou as Deputacións da Coruña e Lugo”.

Respecto aos galardóns, o Premio Fundación Barrié ao mellor traballo en Ciencias Médicas de aplicación clínica recaeu na publicación Term planned delivery based on fetal growth assessment with or without the cerebroplacental ratio in low-risk pregnancies (ratio37): an international, multicentre, open-label, randomised controlled trial. A responsable do texto foi a doutora Marta Rial, pertencente ao grupo de Medicina Fetal e Perinatal e facultativa especialista de obstetricia e xinecoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro. O galardón supuxo unha dotación de 10.000 euros e o seu nomeamento como académica correspondente. Ademais, concedéronse mencións de honor aos traballos do doutor Manuel Taboada, do Servizo de Anestesioloxía e Medicina Interna do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, e ao doutor Sergio Cinza, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS).

O mellor traballo de tema libre de investigación oncolóxica da Fundación Quiroga y Piñeyro do Centro Oncolóxico de Galicia entregouse ao doutor Pedro Medina, profesor da Universidade de Granada, polo seu artigo Activation-induced cytidine deaminase causes recurrent splicing mutations in diffuse large b- cell lymphoma, co que obtivo unha dotación de 9.000 euros. Tamén se dedicou unha mención de honor á doutora Clara María Ruíz, da Fundación Galega de Medicina Xenómica e o IDIS, pola súa publicación BMPR2 as a novel predisposition gene for hereditary colorectal polyposis.

O doutor David Suárez Quintanilla, académico numerario de Odontoestomatoloxía, pronunciou o discurso inaugural, titulado Canons actuais de estética facial: o óso alveolar, un continente por descubrir. A ortodoncia está “dominada, desgraciadamente, polo mercantilismo e os sobretratamentos. A popularidade da nosa especialidade e as inxentes cantidades de recursos que a sociedade gasta en todo tipo de tratamentos dentais estéticos contrasta, polo menos proporcionalmente, coa ausencia de profesionais ben formados, de investigación e evidencias científicas sobre os seus procedementos e resultados”, alegou o relator antes de puntualizar que o gasto en estética dental no mundo en 2025 chegou aos 200.000 millóns de dólares. “As verdadeiras posibilidades terapéuticas da nosa especialidade son descoñecidas. O que a xente cre saber dela está totalmente distorsionado polo seu cotián exercicio clínico. Non só non é o que vostedes cren que é, senón que a maioría dos que a exercen descoñecen o seu alcance para a saúde do individuo e o desenvolvemento do seu rostro”.

O especialista continuou coa súa análise reivindicando a formación. “A ortodoncia é a especialidade decana da odontoloxía e para o seu correcto exercicio na Unión Europea ou Estados Unidos necesítanse estudos de postgrao a tempo completo de tres anos e máis de 2.000 horas de formación teórica e clínica con pacientes. Na miña opinión, excede o ámbito da odontoloxía e sitúase próxima ás especialidades médicas”, reivindicou. “A pesar disto, en España hoxe ninguén prohibe ou limita a dentistas sen a máis mínima formación o seu exercicio, situación que se viu agravada pola ortodoncia online ou por correspondencia. A través dela, moitas clínicas reducen a súa actividade para ser simples puntos de venda de aliñadores plásticos ou férulas de descarga, cuxo diagnóstico, plan de tratamento e fabricación foron realizados por un descoñecido planificador axudado pola intelixencia artificial”.

David Suárez Quintanilla recordou que a ortodoncia vai máis alá dos dentes. Afecta “ao crecemento e desenvolvemento do complexo nasomaxilar, a mandíbula e a articulación temporomandibular. Os seus obxectivos comprenden a estética do sorriso e do terzo facial inferior, así como o correcto crecemento e desenvolvemento da cara e as principais funcións do aparello estomatognático: mastigación, respiración, deglución e fala”.

Exemplificou os efectos da especialidade coa a terapia ortodóncica, que pivota arredor de dous eixos: “o estraño e máxico movemento dentario ortodóncico e a capacidade de modificar o crecemento da cara, a través da acción mecánica directa ou indirecta sobre algunhas suturas do esplacnocráneo, como a sutura palatina media. A curiosa estrañeza do movemento dentario ortodóncico reside na capacidade dos dentes, a través dun proceso inflamatorio periodontal aséptico, de formar o óso alveolar durante toda a vida do individuo”. Basicamente “as forzas de ortodoncia poden actuar a tres niveles: de maneira directa sobre as coroas dentarias, sobre as suturas maxilares e, de maneira indirecta e moi enxeñosa, sobre os músculos a través do cambio de presións musculares no denominado Corredor de Tomes, que está formado, por fóra, polos músculos orbiculares dos beizos, o bucinador e os músculos da mímica, e, por dentro, pola lingua. Cando cun simple escudo plástico suprimimos a acción do bucinador, a lingua toma protagonismo e favorece a ecolóxica expansión dos dentes e o padal óseo”.

O doutor Suárez Quintanilla declarou que cremos que “o RAP (Fenómeno de Aceleración Rexional) do movemento dentario ortodóncico ao realizar microosteoperforacións no óso alveolar é a maneira máis sinxela e eficiente de conseguir bos resultados clínicos. O RAP produce un efecto de chamada local ás células proxenitoras encargadas da remodelación ósea. En ortodoncia é moi importante polo mecanismo de sinerxía que establece coa inflamación aséptica producida cos nosos aparellos. Noutras ocasións modificamos a posición dos ósos e os maxilares con microparafusos de extraordinaria potencia ancorados sobre microimplantes inseridos no óso, podendo hoxe facer expansións do padal en adultos que eran impensables hai poucos anos”.

O facultativo incidiu na relevancia da formación do óso alveolar. “Resulta sorprendente que o mundo da medicina e da odontoloxía descoñeza o seu papel crucial no desenvolvemento vertical da cara. O terzo medio facial é unha gran cavidade ósea chea de aire onde as fosas nasais comunícanse cos seos frontais, paranasais, etmoidais e esfenoidais, de maneira que o seu crecemento vertical fíase aos dentes e aos procesos alveolares, do mesmo xeito que ocorre coa mandíbula no terzo inferior do rostro. Atrévome a dicir que o descoñecemento do óso alveolar é un dos maiores paradoxos no noso campo”.

Tamén sinalou que se descoñece “como a erupción dentaria, o crecemento vertical do óso alveolar, a remodelación da articulación temporomandibular e o asintomático xiro da mandíbula ao redor do seu eixe de bisagra terminal funcionan coordinadamente no desenvolvemento, maduración e envellecemento da nosa cara. O noso terzo inferior facial non ten o predominio xenético que cremos; falar de ortopedia dentofacial é falar de epixenética. A mandíbula, un óso complexo e anisotrópico, vai por libre e adapta a súa forma e posición aos requirimentos funcionais do momento”.

O doutor Suárez Quintanilla evidenciou que “resulta fascinante como na evolución do aparello estomatognático a natureza combinou a oclusión dental ou a forma de morder coa anatomía e dinámica da articulación temporomandibular. Por exemplo, a progresiva diminución do tamaño dos nosos cairos superiores permítenos amplos movementos de lateralidade sen restar do seu carácter propioceptivo. É certo que xa non os usamos para matar ou desgarrar, pero esta propiocepción atávica permítenos conservar a dentición ao forzar a apertura mandibular nos movementos de lateralidade”. 

O relator engadiu que “a fala foi determinante para a nosa evolución e reinado fronte a outros homínidos, pero complicou a existencia do aparello estomatognático e de funcións como a mastigación e deglución. A eficiencia mastigatoria, fundamental para a vida destes primeiros homínidos, non só dependía duns dentes íntegros ou unha articulación temporomandibular potente e de movementos sincrónicos, senón dunha oclusión —entendida como o encaixe ou engrenaxe das arcadas— efectiva. Coa fala e a verticalización do tubo fonatorio apareceu un aumento da dimensión vertical da metade inferior da cara e a mandíbula afastouse do maxilar. Isto, unido ás variacións da arquitectura dentofacial, unha vez que os sapiens sapiens abandonaron a África primixenia, deu lugar a un problema para a homeostase oclusal”.

A evolución “sacou un coello da súa inesgotable chistera ao crear un óso moi especial polo seu dinamismo e imbricacións cos dentes: o óso alveolar, que nace, crece e desaparece coa súa erupción, presenza ou perda. Para qué? A resposta é moi clara: para crear un colchón amortiguador e compensatorio das discrepancias de tamaño e posición dos maxilares; así de simple e así de claro”, asegurou o experto.

O discurso tamén deixou lugar para o efecto da aparición das novas ferramentas na ortodoncia. O facultativo manifestou que a impresión 3D, a tecnoloxía dixital e a intelixencia artificial favorecen o desenvolvemento e a mellora da precisión do diagnóstico. Porén, “os universitarios debemos complementar este avance tecnolóxico con tres elementos: a eficiencia da súa aplicación clínica, a súa avaliación médica e o desenvolvemento de protocolos —indicacións e contraindicacións— e técnicas para a súa utilización. Esta división de tarefas non pode ser asumida de maneira unívoca pola industria ortodóncica, como hoxe está a ocorrer. É un absurdo que acaba por pagar o paciente”.

A cirurxía plástica e ortognática, a medicina estética, a denominada harmonización orofacial e a ortodoncia “teñen un obxectivo común: a mellor estética posible do rostro. Imos cara a unha sociedade cada vez máis esixente. Nela o éxito terapéutico queda curto co restituium ad integrum ou os criterios estatísticos de normalidade, onde o tratamento de imaxes do noso teléfono intelixente envelena a moitos coa estética ideal do sorriso e o rostro que poderían chegar a ter. A procura da beleza e a mocidade é a tolemia á que se vai entregar a sociedade hiperconsumista nos próximos anos. É certo que a nosa especialidade é unha das beneficiadas por este absurdo da estética a calquera prezo”.

David Suárez Quintanilla criticou os canons de beleza a través da evidencia científica. “As modernas técnicas de exploración cerebral, como a resonancia magnética funcional, indícannos como os humanos reaccionamos limbicamente ante a beleza desigual dos rostros. Non me cabe ningunha dúbida de que as redes sociais crearon unha ditadura da beleza e do índice de masa corporal. Tamén creo que gran parte do incremento exponencial dos trastornos psicolóxicos das adolescentes, autolesións e suicidios teñen a súa orixe na non aceptación do seu corpo ou o seu rostro”.