A Xunta Directiva do Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña decidiu por unanimidade, a proposta —tamén unánime— da Comisión de Honras e Premios colexial, conceder a Medalla de Ouro e Brillantes da institución ao doutor José Pedrouzo Bardelas, especialista en Medicina Interna e Cardioloxía que foi perito xudicial, funcionario por oposición do Corpo Nacional de Médicos Forenses, xefe do Servizo de Atención Primaria do centro de saúde de Serantes, membro do Servizo de Medicina Interna do Hospital Arquitecto Marcide e do sanatorio San Javier e médico de empresa nos antigos estaleiros de Bazán, hoxe Navantia.
Segundo a acta da Comisión, o galardoado é merecedor da distinción “por ser un profesional excelente, querido polos seus compañeiros e pacientes; polo seu labor como mestre de médicos, e por ser un exemplo de traballo e superación”.
O doutor Pedrouzo naceu en Pazo de Coiras —no municipio de Piñor, Ourense— en 1951, no seo dunha familia moi humilde. Completou todos os seus brillantes estudos coa axuda de bolsas públicas, e licenciouse na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela, onde foi un alumno destacado, entre outros, dos profesores José Peña Guitián e #Luis Concheiro, que tamén recibiron a Medalla de Ouro e Brillantes do Colexio.
Ao terminar a carreira foi nomeado forense interino dun xulgado de Santiago. Tras realizar o servizo militar obrigatorio, presentouse ao exame MIR en Málaga e fixo a residencia no Hospital Xeral da capital galega. Máis tarde, obtivo por oposición unha praza en Noia do Corpo Nacional de Médicos Forenses, aprobou o curso de médico de empresa no Instituto de Hixiene e Seguridade no Traballo de Rande, completou os cursos de doutoramento e trasladouse a Ferrol para traballar en Atención Primaria. Alí ingresou na antiga Bazán e realizou gardas no Servizo de Medicina Interna do hospital público e no centro privado San Javier, á vez que obtivo por oposición unha praza de médico de Asistencia Pública Domiciliaria en Toledo —onde solicitou inmediatamente a excedencia voluntaria para continuar traballando na capital ferrolá—.
Como facultativo de Bazán, “foi un adiantado no diagnóstico da asbestosis, que afectou por centos de traballadores dos estaleiros”, sinala a acta. “O seu labor deu comezo a un proceso que terminou convertendo o amianto nun asunto de Estado ata prohibir a súa utilización”. Na empresa foi un médico “moi querido e respectado, e mantivo unha excelente relación cos sindicatos e a dirección da compañía”.
No centro de saúde de Serantes foi pioneiro do novo modelo de Atención Primaria, fundador da Unidade Docente de Medicina Familiar e Comunitaria e titor de 18 facultativos. Tamén exerceu no PAC Fontenla Maristany.
Á marxe da súa actividade asistencial, o doutor Pedrouzo é un gran afeccionado á historia, un médico culto e ilustrado e un viaxeiro infatigable que visitou medio mundo. Para el, a concesión da Medalla supón “unha gran honra que nunca esperei recibir. Eu só fun un médico que fixen o traballo o mellor que puiden e souben en favor de toda a poboación. É unha gran satisfacción que recoñecesen o meu humilde traballo durante estes corenta anos”.
Xunto a José Pedrouzo están en posesión da Medalla de Ouro e Brillantes do Colexio Ramón Cobián Varela, #Luis Concheiro, Fernando Diz-Lois, Manuel Sánchez Salorio, Juan Suárez Barros, José Peña Guitián, José Fernández Pernas, Ángel Carracedo Álvarez, Alfonso Castro Beiras, José Castillo Sánchez, Javier Martínez Pérez-Mendaña, Joaquín Potel Lesquereux, Alfonso Solar Boga, Marisa Crespo Leiro, Arturo Louro González, Rosa Arroyo Castillo, Cecilia Vecillas, Diego Murillo Carrasco e Santiago Rey Fernández-Latorre.
O doutor Pedrouzo recibirá o galardón no transcurso do XVII Encontro Médico, que se celebrará o próximo 14 de xuño no Teatro Jofre de Ferrol.