Novas

Os colexios médicos galegos esixen ao Sergas a retirada do plan para Atención Primaria

  • O Consello Galego de Colexios Médicos pide “consenso entre todas as partes implicadas” para que “o modelo asistencial de Atención Primaria teña vixencia a longo prazo e responda as necesidades de toda a sociedade galega”
  • O presidente do Colexio Médico da Coruña, Luciano Vidán, sinala que “todo cambio debe respectar os dereitos adquiridos polos traballadores e propietarios de praza, especialmente en caso de traslados” e alerta sobre “abrir a porta a atallos” na incorporación de profesionais estranxeiros
  • Os representantes do órgano que representa aos catro colexios médicos galegos reiteran a “completa disposición á negociación” á vez que subliñan que “non parece razoable que, existindo grupos de traballo específicos, coñezamos este plan tarde e por terceiros”

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2025. O Consello Galego de Colexios Médicos reclama ao SERGAS a retirada do documento ‘Liñas de actuación de Recursos Humanos en Atención Primaria. Medidas’, presentado recentemente pola Dirección Xeral de RRHH deste organismo.

O órgano que agrupa aos catro colexios médicos provinciais subliña que “tal como está formulado, non podemos aceptar o documento, xa que non nace do necesario consenso entre todas as partes implicadas”, como son o SERGAS, os sindicatos, as sociedades médicas, os médicos de Atención Primaria e os propios colexios médicos. Nesta liña, o presidente do Colexio Médico da Coruña, Luciano Vidán, sinala que “só co diálogo poderemos conseguir un modelo asistencial de Atención Primaria que teña vixencia a longo prazo e que responda as necesidades de toda a sociedade galega”.

Entre outras cuestións, o Consello Galego de Colexios Médicos advirte de que “todo cambio debe respectar os dereitos adquiridos polos traballadores e propietarios de praza, sobre todo á hora de pensar en posibles traslados”. Así mesmo, a entidade alerta de que “resulta perigoso abrir a porta a posibles atallos na incorporación de profesionais estranxeiros”, de modo que “para traballar como médico de familia debe continuar sendo obrigatorio obter a especialidade a través do MIR, sen que poidan existir camiños alternativos ou excepcións”.

Así mesmo, este órgano quere manifestar o seu “rexeitamento” fronte ás formas coas que se xestionou este proceso por parte do Sergas. “Non parece lóxico que nos decatemos tarde e por terceiros dun cambio substancial no modelo asistencial de Atención Primaria cando temos grupos de traballo específicos”, sinala.

Finalmente, o Consello Galego de Colexios Médicos reitera “a súa plena disposición” a seguir traballando por un modelo que responda “tanto as necesidades da sociedade galega neste nivel de atención sanitaria como, por suposto, ás lexítimas reivindicacións dos profesionais da medicina”.