- O acto celebrarase o 6 de novembro, ás 19:30 horas, na sede colexial de Santiago de Compostela —rúa San Pedro de Mezonzo, 39-41, baixo—
- No acto intervirán importantes figuras da pediatría e da cultura galegas e españolas, ademais de familiares e amigos do profesor Peña
- A institución anima a toda a colexiación a acudir á homenaxe, para o que deben confirmar a asistencia a través deste formulario ou do correo electrónico eventoscolegio@comc.es
O Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña renderá homenaxe o venres 6 de novembro, ás 19:30 horas, ao profesor José Peña Guitián no centenario do seu nacemento. O acto, que terá lugar na sede colexial de Santiago de Compostela —rúa San Pedro de Mezonzo, 39-41, baixo—, servirá para lembrar a un dos grandes referentes da medicina española, mestre de xeracións de médicos —especialmente de pediatras— e exemplo pola súa calidade humana.
Abrirá a sesión o presidente do Colexio, Luciano Vidán. A continuación, ás 19:40, a filla do homenaxeado, Patricia Peña Gil, falará sobre Unha xeración de médicos nacidos na Galicia rural. Seguiranlle, ás 19:50, o pediatra Juan José Fernández Teijeiro —académico das Reais Academias de Medicina de Cantabria e Galicia—, con Humano e amigo: o profesor Peña, e, ás 20:00, Darío Villanueva Prieto, exreitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e exdirector da Real Academia Española, con Santiago e a súa universidade nos tempos do profesor Peña.
Ás 20:10, Francisco Javier Ruza Tarrío —exxefe do Servizo de Coidados Intensivos Pediátricos do Hospital La Paz, profesor emérito de Pediatría da Universidade Autónoma de Madrid e exsecretario xeral da Asociación Española de Pediatría— abordará A pediatría moderna, e ás 20:20 Ghaleb Jaber Ibrahim, amigo do profesor Peña, ofrecerá Unha visión desde fóra da pediatría. Ás 20:30, os catedráticos de Pediatría da USC José María Fraga Bermúdez e José María Martinón Sánchez e o pediatra José Manuel Fernández Bustillo intervirán en Visións desde a escola de pediatría. Ás 20:50 abrirase unha tertulia coa participación do público e, ás 21:00, o cardiólogo Carlos Peña Gil, fillo do homenaxeado, clausurará o acto.
Pai da pediatría moderna en Galicia
José Peña Guitián naceu en Láncara (Lugo) en 1926, no seo dunha humilde familia labrega. Licenciouse en Medicina en Santiago en 1950, doutorouse na Universidade Complutense e ampliou estudos en Bruxelas, París e Londres. Discípulo do profesor Suárez Perdiguero, obtivo en 1966 a cátedra de Pediatría e Puericultura da USC e posteriormente foi catedrático emérito. Dirixiu a Escola de Puericultura de Galicia, foi xefe de servizo no Hospital Xeral de Galicia e ocupou o decanato da Facultade de Medicina compostelá entre 1979 e 1981.
Presidiu, ademais, a Asociación Española de Pediatría —da que tamén foi nomeado presidente de honra—, a Sociedade de Pediatría de Galicia e a Federación de Asociacións Científico Médicas Españolas (FACME). As súas principais liñas de investigación centráronse en áreas como o crecemento, o raquitismo, os erros conxénitos do metabolismo e as displasias óseas.
Entre os recoñecementos do profesor Peña, considerado o pai da pediatría moderna en Galicia, figuran a Medalla de Ouro e Brillantes do Colexio, que recibiu en 2012, a Gran Cruz da Orde Civil de Sanidade e a Medalla Castelao da Xunta de Galicia. Finou o 2 de abril de 2025.
Confirmación de asistencia
O Colexio anima a todos os seus membros a participar na homenaxe. A asistencia é libre e gratuíta ata completar o aforo, e quen desexe acudir debe confirmar a súa asistencia a través deste formulario ou no correo electrónico eventoscolegio@comc.es.
O programa completo da xornada está dispoñible a continuación:
