Novas

O Colexio apraza o XVII Encontro Médico

• A Xunta Directiva ha tomado esta decisión tras coñecer o falecemento, onte, de José Pedrouzo, que ía recibir no acto a Medalla de Ouro e Brillantes, a máxima distinción colexial
• A esta hora, descoñécese cando se celebrarán as súas honras fúnebres
• Estaba previsto que o evento tivese lugar mañá, sábado, 14 de xuño, en Ferrol
• O Colexio lamenta profundamente a perda dun médico excelente, admirado e querido polos seus pacientes e compañeiros
Ferrol, 13 de xuño de 2025 – A Xunta Directiva do Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña decidiu, nunha reunión celebrada de urxencia esta mañá, aprazar a celebración da XVII edición do Encontro Médico, que estaba prevista para mañá, 14 de xuño, en Ferrol.

O equipo directivo ha tomado esta decisión tras coñecer, con fondo pesar, a noticia do falecemento do doutor José Pedrouzo Bardelas, que ía recibir durante o acto a Medalla de Ouro e Brillantes, a máxima distinción que outorga o Colexio.

A institución lamenta profundamente o falecemento do doutor Pedrouzo e únese á dor da súa familia e amigos. Onte perdeuse, repentinamente, un home bo e xeneroso que alcanzou as máis altas cotas de excelencia profesional desde unhas orixes humildes. Un médico exemplar que sempre priorizou a saúde e o benestar dos seus pacientes en todos os ámbitos nos que desenvolveu a súa carreira profesional.

José Pedrouzo exerceu no centro de saúde de Serantes —onde foi xefe do Servizo de Atención Primaria— e como médico de empresa en Bazán —actualmente, Navantia—. Tamén formou parte do Corpo Nacional de Médicos Forenses e traballou no Servizo de Medicina Interna do hospital público de Ferrol, no sanatorio privado San Javier e no PAC Fontenla Maristany. En todos os lugares polos que pasou gañouse a admiración e o agarimo dos seus pacientes e compañeiros.

Como recolle a acta de concesión da Medalla de Ouro e Brillantes, aprobada por unanimidade da Xunta Directiva a proposta da Comisión de Honras e Premios, José Pedrouzo “foi un adiantado no diagnóstico da asbestosis, que afectou por centos de traballadores dos estaleiros”, e o seu labor “deu comezo a un proceso que terminou convertendo o amianto nun asunto de Estado ata prohibir a súa utilización”. Ademais, no centro de saúde de Serantes “foi pioneiro do novo modelo de Atención Primaria, fundador da Unidade Docente de Medicina Familiar e Comunitaria e titor de 18 facultativos”.

Descanse en paz.