Notas de prensa

O Colexio Médico da Provincia da Coruña doa 7.580 euros a Cruz Vermella para contribuír á reconstrución de Valencia tras a DANA

• No acto participaron o presidente colexial, Luciano Vidán, e o presidente provincial de Cruz Vermella, Manuel Antonio Viqueira.
• Luciano Vidán: “No Colexio estamos comprometidos para axudar a quen o está pasando mal despois desta traxedia, con efectos tamén sobre a saúde”.

A Coruña, 27 de xaneiro de 2025 – O Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña realizou, esta mañá, unha doazón de 7.580 euros a Cruz Vermella para axudar aos afectados pola DANA en Valencia, contribuír á reconstrución da zona e mostrar o seu apoio e solidariedade coas vítimas. O presidente colexial, Luciano Vidán, fixo entrega do donativo a Manuel Antonio Viqueira, presidente provincial de Cruz Vermella na Coruña, nun acto celebrado na sede do Colexio na rúa RIego de Auga.

A achega económica da doazón provén da campaña de recollida de fondos realizada polo Colexio —na que colexiados, cidadáns, empresas e institucións colaboraron coas súas contribucións— e, ademais, a institución destinou a esta causa a partida de solidariedade e cooperación do orzamento de 2024.

O doutor Vidán destacou a importancia da solidariedade e unidade de persoas e institucións #ante catástrofes como a producida pola DANA. “No Colexio Médico da Coruña estamos plenamente comprometidos para axudar a quen o está pasando mal despois dunha traxedia como a que viviron os valencianos. Os seus efectos van máis aló das desfeitas físicas e afectan tamén á saúde na esfera mental e social”. Desde a institución, “comprometidos con valores como a xustiza social e a compaixón, queremos mostrar a nosa sensibilidade e axuda para contribuír, modestamente, á recuperación da zona”.

Pola súa banda, Manuel Antonio Viqueira agradeceu a contribución do Colexio e lembrou que “grazas á gran resposta tanto da cidadanía como de entidades como o Colexio de Médicos, desde Cruz Vermella puidemos estar en Valencia desde o primeiro momento, respondendo tanto as necesidades básicas das persoas afectadas pola DANA como, actualmente, coa entrega de tarxetas e produtos de primeira necesidade e o apoio en necesidades tan básicas como subir e baixar as escaleiras das vivendas”. Neste sentido, Viqueira subliñou o compromiso das 80 persoas voluntarias e técnicas de Cruz Vermella na Coruña que se desprazaron a Valencia “e que seguirán facéndoo en quendas semanais para apoiar aos nosos compañeiros e compañeiras da Comunidade valenciana no seu labor”.