Notas de prensa

Convenio entre o Colexio Médico de A Coruña e HM Hospitais para atención urxente a médicos xubilados

O convenio permite aos médicos xubilados e os seus familiares recibir atención sanitaria urxente e gratuíta nos centros do grupo hospitalario

A Coruña, 20 de marzo de 2023.

Esta mañá, o Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña e HM Hospitais renovaron o acordo de colaboración asinado en 2017 dirixido a que os médicos colexiados xubilados reciban atención sanitaria urxente e gratuíta nos centros do grupo hospitalario.

O presidente do Colexio, Luciano Vidán, e o de HM Hospitais, Juan Abarca Cidón, rubricaron o convenio no hospital Maternidade HM Belén na Coruña. Este acordo, que reforza a colaboración que manteñen ambas as entidades desde hai anos, supón ofrecer asistencia médica urxente e gratuíta a colexiados xubilados, os seus cónxuxes, viúvos de médicos, fillos con discapacidade e quen se atope percibindo algunha prestación da Fundación Padroado de Orfos e Protección Social de Médicos Príncipe de Asturias.

O contido do convenio contempla o trato preferente para consultas e resto de servizos naqueles casos en que os beneficiarios dispoñan dunha póliza de saúde nalgunha das compañías aseguradoras coas que HM Hospitais mantén concerto. Pola súa banda, para aqueles que non conten cun seguro privado, o grupo designará un especialista en Medicina Familiar e Comunitaria ou Medicina Interna que asumirá a atención destas persoas de forma gratuíta. Esta medida esténdese tamén, nos centros de Galicia, ás consultas de Urxencias que non requiran hospitalización, ás análises clínicas, radioloxía simple, ecografía e TAC prescritos, mentres que para outras probas diagnósticas aplicaranse tarifas especialmente reducidas.

Durante o acto de firma, o doutor Vidán mostrou a súa emoción “por avanzar na recuperación dos valores que marcaron a nosa profesión. Desde sempre, tivemos o compromiso de tratar aos nosos compañeiros de forma altruísta e solidaria, algo que, desgraciadamente, está a perderse”. Tamén destacou a súa “satisfacción pola renovación deste acordo para continuar velando pola fraternidade entre profesionais, que é algo fundamental”. O presidente colexial, ademais, fixo fincapé en que os facultativos sénior son un “colectivo prioritario para nós: sempre tratamos de escoitar as súas necesidades e de axudarlles en todo o posible”.

Pola súa banda, o doutor Abarca Cidón fixo referencia a que “desde o mesmo momento en que chegamos a Galicia, o compromiso de HM Hospitais coa sociedade galega foi continuo e maniféstase día a día co impulso de diferentes accións sociais, como é o caso deste convenio que asinamos co Colexio de Médicos da Coruña e que terá como beneficiados aos especialistas médicos xubilados e aos seus familiares, persoas que dedicaron a súa vida para axudar aos demais e que, por tanto, merécense todo o noso apoio e consideración. HM Hospitais é o fogar dos médicos e este acordo é unha mostra máis de iso”.