Notas de prensa

Cecilia Vecillas, medalla de ouro e brillantes do Colexio Médico da Coruña

Cecilia Vecillas

A Xunta Directiva adoptou o acordo por unanimidade, tras a proposta realizada pola Comisión de Honras e Premios da institución colexial

A galardoada, moi querida polos seus pacientes, exerceu como pediatra en Oleiros durante máis de tres décadas e participou en varios proxectos de cooperación internacional

 

A Coruña, 16 de maio de 2024

A Xunta Directiva do Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña decidiu, por unanimidade, a proposta da súa Comisión de Honras e Premios, conceder a Medalla de Ouro e Brillantes da institución á doutora Cecilia Vecillas Sevilla, pediatra xa xubilada que exerceu durante máis de trinta anos en Oleiros. A Comisión propúxoa para recibir este galardón ―o máis importante dos que concede o Colexio― “polo seu defensa da prevención da enfermidade e a promoción da saúde, polo seu altruísmo asistencial, polo seu espírito solidario e por ser unha extraordinaria pediatra”, segundo recolle a acta.

A doutora Vecillas provén dunha familia de labradores, é a terceira de oito irmáns e puido realizar os seus estudos mediante sucesivas bolsas. Licenciouse en Medicina na Universidade de Oviedo e realizou o rotatorio e a especialidade no hospital da Coruña. Comezou a súa carreira profesional en Ponteareas en 1980, pero un ano despois trasladouse a Oleiros, onde exercería a profesión ata a súa xubilación, en 2015. A súa dedicación e compromiso cos pacientes converteuna nunha referencia e nunha profesional moi querida. Un agarimo que quedou patente, por exemplo, coa multitudinaria homenaxe que lle brindou o pobo e o Concello de Oleiros no ano 2016.

A nova Medalla de Ouro e Brillantes do Colexio é unha gran defensora da prevención da enfermidade e das campañas de vacinación. Para ela, “as vacinas, xunto coa cloración da auga, a recollida de excretas, os antibióticos, a mellor atención ao embarazo e ao parto e a mellor asistencia nas unidades de Neonatoloxía son a causa da gran redución da mortalidade infantil”. Ademais, considera que “un bo médico debe estar moi ben formado desde o punto de vista teórico e ter coñecementos tecnolóxicos, pero non basta con ser un gran técnico. Necesítase unha formación humanista e en bioética, ademais de coñecer á poboación coa que se traballa e exercer na comunidade”.

Cecilia Vecillas, moi implicada coas causas relacionadas coa xustiza social, tamén desenvolveu un intenso labor como voluntaria. Participou en campañas de ámbito internacional como as realizadas en Perú, Honduras, Nicaragua e México. Alí “puido comprobar a existencia da desnutrición, que afecta a un terzo da poboación infantil do mundo”.

Sobre a situación do Sistema Nacional de Saúde, cre que habería que defender a sanidade pública diminuíndo a burocratización, aumentando os profesionais e mellorando a organización. Loita por mellorala e acabar coas listas de espera.

Para a doutora Vecillas, o recoñecemento do Colexio “é un orgullo e estou moi agradecida, aínda que creo que non son merecedora del. Eu soamente cumprín coas miñas obrigacións”, asegura.

Xunto a Cecilia Vecillas están en posesión da Medalla de Ouro e Brillantes do Colexio Ramón Cobián Varela, #Luis Concheiro, Fernando Diz-Lois, Manuel Sánchez Salorio, Juan Suárez Barros, José Peña Guitián, José Fernández Pernas, Ángel Carracedo Álvarez, Alfonso Castro Beiras, José Castillo Sánchez, Javier Martínez Pérez-Mendaña, Joaquín Potel Lesquereux, Alfonso Solar Boga, Marisa Crespo Leiro, Arturo Louro González, Rosa Arroyo Castillo, Diego Murillo Carrasco e Santiago Rey Fernández-Latorre.

O galardón seralle entregado no transcurso do XVI Encontro Médico, que se celebrará o próximo 15 de xuño no Paraninfo do Reitorado da Universidade da Coruña.