• A rolda de prensa convocouse con motivo do Día Mundial da Osteoporose, que se conmemora o 20 de outubro.
• A osteoporose conleva unha importante carga sanitaria e económica —285.000 fracturas por fraxilidade e 4.300 millóns de euros— que seguirá incrementándose debido ao envellecemento da poboación.
• A enfermidade afecta a case tres millóns de persoas en España —a maioría, mulleres—. • Os expertos incidiron en como mellorar a atención aos pacientes con osteoporoses e o diagnóstico da enfermidade e contribuír a reducir as fracturas por fraxilidade.
• Entre os aspectos clave están aumentar a sensibilización e a formación continua dos profesionais sanitarios, promover hábitos de vida saudables, a detección precoz e a creación de Unidades de Coordinación de Fracturas.
Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2024 – Con motivo do Día Mundial da Osteoporose —que se conmemora o 20 de outubro—, e para incidir na relevancia de desenvolver estratexias eficaces contra esta enfermidade silenciosa, esta mañá presentouse na sede de Santiago do Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña o manifesto sobre a prevención e manexo da enfermidade. O documento foi elaborado conxuntamente polo Colexio e numerosas sociedades científicas para abordar o impacto desta patoloxía e propoñer melloras.
Unha das áreas máis críticas —e desatendidas— en relación coa osteoporose é a prevención de fracturas por fraxilidade, que supoñen unha gran preocupación para a saúde pública en España e levan asociada unha importante carga sanitaria e económica. Os últimos datos dispoñibles reflicten que en 2019 producíronse 285.000 fracturas por fraxilidade e que os gastos relacionados coa osteoporose ascenderon a 4.300 millóns de euros. As previsións, nunha sociedade cada vez máis envellecida, indican que estas cifras seguirán incrementándose un 30% no próximos quince anos se non se producen cambios nas políticas sanitarias.
No manifesto participaron Javier de Toro, vicepresidente do Colexio Médico e xefe do Servizo de Reumatoloxía do Chuac; Javier Prieto, secretario xeral da Xunta Directiva colexial e médico do centro de saúde de Acea de Ama (Culleredo) e representantes das asociacións e sociedades científicas que contribuíron a redactar o manifesto: Francisco Martelo, da Real Academia de Medicina de Galicia; María José Fernández, da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec); Sergio Cinza, da Sociedade Española de Médicos de Atención Primaria (Semergen); Carlos Bastida, da Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia (SENG); Manuel Castro, Eduardo Vaqueiro, Alejandro García e Jose Ramón Castro, da Sociedade Galega de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía (Sogacot); Laura Gamonal, da Sociedade Galega de Xeriatría e Xerontoloxía; Jesús Figueroa e Bibiana Villamayor, da Sociedade Galega de Rehabilitación e Medicina Física (Sogarmef), e Jenaro Graña e Francisco Maceiras, da Sociedade Galega de Reumatoloxía (Sogare).
Os expertos incidiron en sete puntos crave para mellorar a atención aos pacientes con osteoporoses e o diagnóstico da enfermidade e contribuír a reducir as fracturas por fraxilidade. En primeiro lugar, destacaron a necesidade de “sensibilizar aos profesionais sanitarios e á sociedade da importancia de manter unha boa saúde ósea”. Tamén fixeron fincapé en “reforzar a formación continua no manexo da osteoporose e prevención de fracturas”, “promover hábitos de vida saudables na poboación” para evitalas e “detectar de forma precoz ás persoas con risco de fractura”. Ademais, incidiron en “participar na creación e colaboración de Unidades de Coordinación de Fracturas co obxectivo de mellorar a adherencia ao tratamento, reducir a incidencia de novas fracturas e mellorar a calidade de vida das persoas”. Os últimos aspectos clave sobre os que insistiron foron “fomentar e participar en campañas de educación pública e promoción da saúde ósea” e “avaliar os resultados, recompilando datos para mellorar a calidade da atención ás persoas con osteoporoses”.
Osteoporose e fracturas por fraxilidade, un problema en aumento que afecta especialmente as mulleres
A osteoporose é unha enfermidade que debilita os ósos e vólveos fráxiles, o que aumenta considerablemente o risco de ruptura ósea mesmo tras unha caída menor. A enfermidade non presenta síntomas evidentes, polo que moitas persoas non saben que a padecen ata que sofren unha fractura.
As fracturas osteoporóticas por fraxilidade son comúns, especialmente en adultos de idade avanzada. A súa prevalencia está a aumentar, e padecelas pode alterar a vida, causar dor, discapacidade e perda de independencia. Ademais, están asociadas cunha carga económica substancial tanto directa como indirecta.
Segundo recóllese no informe Soluciones para a prevención de fracturas da Fundación Internacional de Osteoporose, en España “sofren osteoporose case tres millóns de persoas —das que 2,3 millóns son mulleres—”. A prevalencia da osteoporose en maiores de 50 anos é do 23 % para as mulleres e do 7 % para os homes. Por outra banda, o risco de fractura de cadeira —o tipo de fractura máis grave— a partir dos 50 anos é do 12 % en mulleres e do 4 % en homes.
Más de 1,1 millóns de mulleres sen tratamento
Nese mesmo informe recóllese que a osteoporose “segue sendo amplamente infradiagnosticada e infratratada”. Más de 1,1 millóns de mulleres españolas con alto risco de fractura continúan “sen recibir tratamento para a osteoporose, a pesar da existencia de medicamentos seguros e eficaces”. A situación é especialmente deficiente en pacientes de alto risco, e “dous terzos das mulleres españolas de 50 anos ou máis non reciben unha prevención secundaria de fracturas eficaz tras unha fractura inicial por fraxilidade”, a pesar de que se trata da poboación que “ten máis probabilidades de sufrir unha nova fractura”. Con todo, a implantación dun protocolo de Unidades de Coordinación de Fracturas asóciase “cun aumento do tratamento antiosteoporótico, unha maior adherencia ao mesmo e unha maior supervivencia dos pacientes de idade avanzada con fracturas”.
A prevención, clave para mellorar os resultados en saúde e o gasto
O despregamento de Unidades de Coordinación de Fracturas conlevaría a prevención de miles de fracturas por fraxilidade nos próximos anos, o que implica unha mellora substancial na saúde e os resultados dos pacientes. Reducir simultaneamente “hospitalizacións e gastos de tratamento da osteoporose comportará un aforro moito maior que as intervencións noutras enfermidades crónicas”. Ademais, proporcionará “solucións altamente beneficiosas e rendibles para reducir a carga —cada vez maior— que a osteoporose supón para os pacientes e a sociedade”.