Actividades culturais e de lecer

A literatura que nos transmite emocións

O Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña estrea este outono unha nova actividade cultural, A literatura que nos transmite emocións, á que convidamos a participar todos os integrantes da institución. Como é habitual nas actividades do COMC, os colexiados poden acudir acompañados: a proposta está aberta a cónxuxes, fillos e familiares de primeiro grao, así como a amigos e convidados, cun único acompañante por colexiado.

O ciclo nace co propósito de abordar a literatura dunha forma amena, sen explicacións excesivamente teóricas, a partir dunha selección dos textos que maior impacto tiveron desde a antigüidade ata o século XXI. Centrarase fundamentalmente na poesía e no teatro, e o seu método apoiarase en elementos audiovisuais —vídeos, cancións e gravacións— coas voces de xograres de onte e de hoxe, cantantes, actores, actrices e locutores de radio que tanto contribuíron a emocionarnos coa literatura. As audicións permitirán escoitar e gozar das obras que transmiten as emocións universais: o amor e o desamor, a morte, a soidade, a marxinación da muller e a denuncia social. Haberá tamén espazo para a literatura popular, cuxa revisión e actualización nos parece necesaria, e para a literatura dixital dos novos poetas que se expresan nas redes sociais. En definitiva, toda aquela literatura que nos axuda a entender a vida.

Cada sesión comezará cun repaso á actualidade cultural do noso contorno e ás novelas recentes capaces de fomentar a lectura, sen esquecer as efemérides que se poden celebrar desde a literatura, como o Día do Quixote, o Día das Letras Galegas, o Día do Libro ou o Día Internacional da Muller. O ciclo tampouco pasará por alto algúns elementos que a medicina sinalou desde a antigüidade, como a consideración do amor como unha enfermidade e a súa interpretación en numerosas composicións poéticas. Todo iso para gozar da lectura que, como lembra a escritora Irene Vallejo, “non só nos ensina a superar desniveis e reparar ruínas, é tamén ximnasia que vela pola nosa saúde. Os neurólogos están a descubrir que se conta entre os mellores exercicios posibles para manter áxil o cerebro. Cando lemos, trenzamos os vimbios da percepción, da memoria e do razoamento, e ese entretecer mental frea a dexeneración cognitiva. Agora mesmo, mentres a mirada acariña e descifra estas letras, tras o limiar dos ollos, o cerebro electrízase e inúndase de actividade. Os psicólogos recomendan a lectura para a rehabilitación de danos neurolóxicos e como método preventivo do alzhéimer e doutras enfermidades dexenerativas”. En palabras de César Casal, “ler é un pracer. Un dos maiores praceres, que ten beneficiosos efectos secundarios e case nulos defectos secundarios”.

A condución da actividade correrá a cargo de Antonio Couto Llamas, catedrático de Literatura, persoa moi coñecida e recoñecida polos cursos que impartiu en diversas institucións culturais da Coruña.

Datas, lugar e importe

As sesións celebraranse no segundo andar da sede colexial —rúa Riego de Agua, 29— o terceiro mércores de cada mes, de outubro a decembro, en horario de 17:00 a 18:30 horas. A primeira sesión será o mércores, 21 de outubro.

Para que a actividade se poida celebrar, será necesaria a participación dun mínimo de 20 persoas, entre colexiados e acompañantes, e dun máximo de 50. O importe é de 3,75 euros ao mes por asistente co aforo mínimo, e reducirase proporcionalmente conforme aumente o número de participantes.

Preinscrición

Os interesados poden preinscribirse —indicando o seu nome completo e o do seu acompañante— a través deste formulario, do teléfono 981 29 58 99 —en horario de mañá— ou do correo electrónico culturacolegio@comc.es. O período de preinscrición rematará o luns, 28 de setembro, ás 12:00 horas.

Proceso de selección

Se as solicitudes superan o límite de 50 prazas, a selección dos asistentes realizarase mediante sorteo: extraerase aleatoriamente unha letra do abecedario a partir da cal se iniciará a inscrición por orde alfabética dos apelidos ata completar o aforo. Como é habitual, para favorecer a rotación de asistentes, os colexiados que non obteñan praza no ciclo de outono e queden na listaxe de reserva terán garantida a súa participación no trimestre seguinte, en caso de que este se celebre a partir de xaneiro. Non obstante, tamén entón será preceptivo formalizar previamente a inscrición, con independencia desa reserva.