Alfonso Rueda: “Temos unha magnífica sanidade pública”

O presidente da Xunta pechou o XVI Encontro Médico marcando como prioridades a busca da excelencia, escoitar aos profesionais e a responsabilidade no manexo de recursos públicos

presidente xunta en encuentro médico

Eu non vou falar de medicina, por obvias razóns. Primeiro, porque calquera dos que está aquí sabe de medicina máis que eu, e son perfectamente consciente. Segundo, porque teño un magnífico conselleiro de Sanidade, que dignifica o labor dos equipos anteriores. Creo que todos fixeron un magnífico traballo, o mellor que sabían e que puideron. Tiveron acertos e erros. Quen non os ten na súa xestión? E moito máis nun ámbito tan importante. Agora ten que aspirar a que quen o suceda —espero que dentro de bastantes anos— diga exactamente o mesmo del. Creo que esa é a maneira de acertar de verdade.

Non vou falar de medicina, pero si vou falar das miñas responsabilidades. Son consciente, como presidente da Xunta de Galicia, que as temos, e moitas. Polo tanto, creo que o que teño que facer é falar de compromiso. O meu compromiso é, primeiro, intentar buscar os mellores. Sinceramente, creo que Antonio foi capaz de conformar un magnífico equipo, un equipo de valentes. Despois de dous meses dime que está contento, que está vendo a medicina desde o outro lado, e creo que é moi necesario que un médico vexa a medicina do outro lado para intentar resolver os problemas e os retos —que, evidentemente, existen—. Cando o chamei para preguntarlle se aceptaba esta responsabilidade díxome que era consciente do reto que tiña por diante, de que se ía complicar a vida, pero para un defensor da sanidade pública, deixar pasar unha oportunidade así suporía estar o resto da súa vida dando voltas ao feito de non ter asumido un reto que debería asumir. Fíxoo, elixiu ao seu equipo libremente e, polo que eu vin ata agora, creo que está acertando con todo o que ten por diante. Ese é o primeiro compromiso.

O segundo, e fundamental como máximo responsable da Xunta de Galicia, é escoitar, ser conscientes de que non por ser a Xunta de Galicia imos ter a razón en todo, nin moitísimo menos. O que temos que facer é escoitar, e ao mesmo tempo —e isto é tamén moi importante—, ser conscientes de que como Administración, que pedimos a confianza da xente cando chegan as eleccións, despois temos que tomar decisións. De nada serve non tomar ningunha decisión, de nada serve saber que hai problemas e non actuar. Podes encaralos mellor ou peor, podes acertar máis ou menos —sempre tes que intentar acertar o máximo posible—, pero unha Administración ten que resolver e intentar solucionar problemas que están aí e que, no que se refire á medicina, vostedes coñecen moito mellor que nós. Non facer nada, deixar que pase o tempo e que nada mellore —pensando que, se non decides, tampouco se vai empeorar—, creo que é algo que non ten que facer unha Administración responsable.

Debemos saber o que temos entre mans: a saúde, a magnífica sanidade pública —eu aproveito para presumir da sanidade que temos, con todos os fallos, con todos os erros, con todas as cousas por mellorar, que son moitas—. Empezando polos recursos humanos, empezando por todos os que están aquí e o resto de profesionais sanitarios. Vostedes fan unha magnífica sanidade pública todos os días. Por tanto, creo que isto é un orgullo que temos que ter claro. Insisto: sabendo que hai moitas cousas que mellorar, tamén desde o punto de vista da Administración. E para iso, o terceiro compromiso é priorizar. Saber que dentro dos recursos públicos que manexa a Xunta de Galicia —que saen dos impostos que a xente paga—, a sanidade ten que ocupar un lugar fundamental e hai que ser responsable manexando. Todo o que ten que ver coa sanidade é unha das primeiras cousas que hai que elixir, pero tamén saber que eses recursos non poden servir nin para crear falsas expectativas, nin para empezar cousas que despois non se poden acabar.

Iso é o que quero seguir facendo con respecto ás infraestruturas, por exemplo. Aquí, na Coruña, estase a realizar o maior investimento público nunha infraestrutura sanitaria co Novo Chuac. Tamén en vacinas —especialmente as pediátricas—: chegamos a ser o territorio do mundo máis avanzado en xeneralizar certo tipo de vacinas na sanidade pública. Creo que iso ten que enchernos de orgullo, ademais de todo o que ten que ver cos avances oncolóxicos. Todo iso, que é moi importante, vén de priorizar algo tan fundamental e que botamos de menos —sobre todo cando non o temos—: a saúde. A saúde ante un problema grave —no que creo que a sanidade pública en Galicia está nun primeirísimo nivel— e a saúde diaria, o coidado das persoas, que é un gran avance social.

Son perfectamente consciente das deficiencias que ten agora mesmo a atención primaria —non só en Galicia, senón en todas partes—, derivadas de moitos factores que, por suposto, estamos analizando. Temos retos por diante. A iso me refería cando dicía que, como Administración, temos que actuar ante o que fai que todo funcione ben ou mal: os recursos humanos. Neste acto hai moitos médicos da familia e moitos pediatras que recollen as súas insignias porque se xubilan. Esta é a realidade e, polo tanto, entre todos, temos que intentar facerlle fronte. Nós os primeiros, pero entre todos.

Para isto son fundamentais os colexios médicos. Nós temos que ter interlocutores cos que poder falar, e eses interlocutores deben ter a capacidade de representar a todas as persoas que forman parte dos colexios porque, cando se chega a un acordo, despois hai que cumprilo cara arriba e cara abaixo. Polo tanto, é fundamental que os colexios médicos teñan o respecto dos seus colexiados e a capilaridade para poder falar con eles, para saber o que pensan, como ven a situación, como lles gustaría que fosen as cousas e que nos trasladen todo iso a nós.

Saben os presidentes dos colexios de Galicia que loxicamente hai que discutir, e é lexítimo discutir. Nós temos que ter os nosos puntos de vista, os nosos plantexamentos, e os colexios de médicos —representando a todos os colexiados e colexiadas de Galicia— os seus. Pero é posible chegar a acordos. Cando non se conseguen non pasa nada: cada un ten que saber o que ten que facer e iso é absolutamente respectable, pero creo que é moito mellor chegar a acordos. Eu agradezo que esteamos sendo capaces de facelo, que nunca se rompera ningún tipo de diálogo, e que iso servira para que cada parte entenda á outra.

A Administración que crea que ten a verdade absoluta estaríase equivocando. Eu non quero cometer ese erro, e creo que non o imos facer. Antonio e o seu equipo o teñen clarísimo e eu simplemente aproveito este acto do Colexio de Médicos da Coruña para agradecer o traballo de implementación de todos os que están aquí. Nós, pola nosa parte, intentaremos traballar para estar á altura da sanidade pública que temos. Moitísimas grazas.