O Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña retoma co inicio do outono as clases de bridge, unha actividade que cumpre o seu sétimo ano consecutivo e que goza de gran aceptación entre os colexiados. Trátase dun xogo apaixonante, que atrapa axiña a quen o aprende e que ten acreditados numerosos beneficios intelectuais.
A profesora Loli de Avilés amplía este curso a oferta coa posibilidade de establecer un novo grupo de principiantes, que se suma aos xa constituídos e en funcionamento, e que está dirixido a todas aquelas persoas que desexen iniciarse no xogo. As clases están abertas a toda a colexiación e, como é habitual nas actividades do COMC, tamén a familiares e convidados.
Horario, lugar e cota
As clases de iniciación impartiranse os xoves, de 12:00 a 13:30 horas, no Real Club Náutico da Coruña. O obxectivo é comezar canto antes, a ser posible na primeira semana de outubro, e o xoves de inicio determinarase unha vez formado o grupo de principiantes.
A cota, subvencionada en parte polo Colexio, é de 25 euros ao mes para colexiados e familiares directos de primeiro grao, e de 55 euros para convidados e acompañantes.
Inscrición
Os interesados poden formalizar a súa inscrición a través deste formulario, do teléfono 981 29 58 99 —en horario de mañá— ou do correo electrónico culturacolegio@comc.es.