Novas

A nova sede colexial en Ferrol xa está ao dispor da colexiación

A nova sede do noso Colexio en Ferrol xa abriu as súas portas e está ao dispor dos colexiados para todo o que poidan necesitar. As instalacións, situadas no número 61-63 da avenida de Esteiro, inauguráronse o pasado 8 de maio nun acto no que Luciano Vidán, presidente da institución colexial, estivo acompañado polo alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela; o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño; o almirante do Arsenal de Ferrol, Vicente Rubio Bolívar; o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao; a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e o presidente da Agrupación Mutual Aseguradora, Luis Campos Villarino. As novas instalacións nacen coa vocación de ser un espazo vivo e un punto de encontro coa sociedade, e son unha mostra do compromiso do Colexio con Ferrol.

Co cambio de local, agora o Colexio conta en Ferrol cunha sede moderna e accesible, dotada coa última tecnoloxía audiovisual e unha aula magnífica para cubrir as necesidades da institución e dos colexiados. Os espazos dimensionáronse para adaptalos á realidade actual, na que cada vez é menos necesario acudir presencialmente ao Colexio para realizar trámites administrativos, dado que practicamente todos os procedementos dixitalízanse.

O programa de actividades na nova sede xa arrincou. Despois da inauguración, o primeiro acto oficial nela consistiu na celebración dunha reunión da Xunta Directiva, o 12 de maio, e dous días despois tivo lugar unha xornada de actualización sobre patoloxías cardiovasculares e respiratorias para residentes da área sanitaria ferrolá. Ademais, xa comezaron as sesións do club de lectura do Colexio en Ferrol, que se reúne o terceiro luns de cada mes.

Os colexiados ferroláns seguirán puntualmente informados de todas as actividades que se organicen na sede, nas que lles animamos a participar. Para calquera consulta, poden poñerse en contacto coa institución a través do teléfono 981322640.