O Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña retoma as actividades de xadrez co inicio do curso 2026-2027. Como en tempadas anteriores, as clases contarán con Jacobo Caselas, mestre internacional de xadrez, e manterán as mesmas opcións que no curso 2025-2026, con grupos para todas as idades: nenos, adolescentes, adultos e séniores.
A actividade está aberta á participación de calquera colexiado en activo ou xubilado, así como dos seus cónxuxes, parellas, familiares e amigos, e de maneira moi especial dos nenos. As virtudes do xadrez son sobradamente coñecidas a calquera idade, pero nos máis pequenos resultan especialmente relevantes, xa que se considera unha ferramenta pedagóxica de enorme utilidade. Nas persoas maiores, pola súa banda, está comprobada a súa contribución á prevención da perda de memoria. Como lembra o divulgador Leontxo García, este xogo-deporte-ciencia transmite valores como “a autocrítica, o saber gañar e perder, a empatía, o autocontrol, control do primeiro impulso, a disciplina, a adaptación ao contorno, a adaptación ao contorno escolar, ao alumnado, aos docentes, o control do tempo, a xestión do tempo, o pensamento flexible, que é unha calidade importantísima no século XXI (…)”.
Grupos e horarios
Nenos e adolescentes —de iniciación e de perfeccionamento, en aulas separadas—:
- Venres, grupo 1: das 17:15 ás 18:15 horas.
- Venres, grupo 2: das 18:30 ás 19:30 horas.
- Sábados, grupo 3: das 10:30 ás 11:30 horas.
Adultos:
- Iniciación: venres, das 16:00 ás 17:00 horas.
- Perfeccionamento: sábados, das 12:00 ás 13:30 horas.
Nos grupos de iniciación apréndese a mover as pezas e a coñecer as tácticas básicas, con xogos de estratexia e práctica con outros alumnos; nos de perfeccionamento trabállanse estratexias, finais e aperturas. As clases comezarán o venres 2 e o sábado 3 de outubro nos locais da Escuela Técnica de Ajedrez —avenida de Rubine, 31, local da escola de azafatas Air Hostess—. É posible probar unha clase sen compromiso, avisando previamente.
Cota e subvención
Os honorarios son de 30 euros ao mes, cun desconto para o segundo irmán, que aboa 25 euros. Dentro do seu Plan de Actividades Culturais, o Colexio subvenciona o 50 % da cota para colexiados e familiares directos de primeiro grao —cónxuxes, parellas, pais e fillos—. Os amigos e convidados dos colexiados poden inscribirse como acompañantes, aínda que deben aboar o importe completo.
Inscrición
Quen desexe participar debe comunicalo ao Colexio, a ser posible antes do 30 de setembro, a través deste formulario, do teléfono 981 29 58 99 —en horario de mañá— ou do correo electrónico culturacolegio@comc.es.
Para máis información sobre as clases, os interesados poden contactar tamén con Jacobo Caselas no teléfono 626 018 013 ou no correo jcaselas@gmail.com, e consultar o blog da Escuela Técnica de Ajedrez: https://escuelatecnicaajedrez.blogspot.com/