• O selo e cuño oficiais da efeméride, deseñados polo prestixioso ilustrador Gogue Rodríguez, homenaxean ao primeiro presidente do Colexio Médico-Farmacéutico da Coruña, Ramón Pérez Costais, e a súa relación con Picasso, do que foi o seu primeiro mecenas
• Ao longo dos próximos meses organizaranse numerosos actos culturais, sociais e deportivos que percorrerán toda a provincia
• Luciano Vidán: “Desde a creación do Colexio Médico-Farmacéutico en 1894, a nosa institución estivo no primeiro plano do debate sobre as cuestións sanitarias. Cento trinta anos despois do noso nacemento, queremos achegarnos aínda máis á sociedade e facela partícipe de todas as nosas iniciativas”
• Sara Catrain: “Queremos render homenaxe aos médicos e farmacéuticos que abriron camiño a esta institución, e que ademais foron fundamentais para o benestar social da época”
A Coruña, 16 de decembro de 2024 – Esta mañá, os Colexios Oficiais de Médicos e Farmacéuticos da provincia da Coruña presentaron oficialmente en rolda de prensa o selo e cuño conmemorativos do seu 130 aniversario, emitido por Correos e deseñados polo prestixioso caricaturista e ilustrador Gogue Rodríguez. Trátase da maior tirada da historia realizada por unha entidade privada en España —11.000 selos—. Durante o acto tamén avanzaron as actividades previstas para conmemorar a efeméride, que percorrerán toda a provincia coruñesa ao longo de 2025 e incluirán eventos culturais, sociais e deportivos.

No encontro cos xornalistas participaron Sara Catrain e Luciano Vidán, presidentes dos Colexios Oficiais de Farmacéuticos e Médicos, respectivamente. Tamén estiveron presentes no acto o presidente e vicepresidente da Sociedade Filatélica da Coruña, José Luis Rey e Andrés García; o autor do deseño do selo, Gogue Rodríguez; o vicepresidente do Colexio de Farmacéuticos, Ramón Sáez; e por parte de Correos, o director da oficina principal na Coruña, Javier Varela, e Rosa López.
As dúas institucións colexiais naceron conxuntamente en 1894 coa creación do Colexio Médico-Farmacéutico da Coruña. A súa orixe estivo na unión dos profesionais para enfrontarse ás “patentes”, un novo sistema de tributación fixado polo Goberno. Co paso dos anos, os dous colexios evolucionaron de forma separada, pero ambos velan pola boa praxe profesional, representan aos seus membros e defenden os dereitos dos cidadáns, seguindo o mandato constitucional.
Na creación do Colexio tivo un papel crave Ramón Pérez Costais, o seu gran impulsor e primeiro presidente. Pérez Costais foi un benefactor da cidade e un político comprometido coas ideas republicanas, que chegaron a custarlle o exilio. Impulsou a creación da Cociña Económica, foi promotor da Real Academia Galega, fundou unha Escola de Párvulos para paliar a situación dos nenos pobres, creou un Instituto de Vacinación e chegou a ser ministro de Fomento na I República durante o goberno de Pi e Margall. Mesmo inspirou a Emilia Pardo Bazán para basear na súa figura o personaxe do Doutor Moragas na súa novela A pedra angular. Tamén foi o primeiro mecenas de Pablo Ruiz Picasso cando era só un neno e influíu nalgunhas das obras do artista.
“Ramón Pérez Costais é unha referencia ética para todos os profesionais sanitarios, polos que tanto loitou, e personifica a dimensión humanística de médicos e farmacéuticos. Por iso, neste 130 aniversario dos nosos Colexios quixemos darlle un protagonismo especial para resaltar a súa figura”, asegurou Luciano Vidán. Ese protagonismo reflíctese no selo presentado hoxe, onde figura unha ilustración do primeiro presidente colexial con referencias ao Camiño de Santiago e o logo do aniversario coa pomba da paz de Picasso, ao que estivo tan vinculado durante a etapa coruñesa deste artista universal.
Ademais, os presidentes dos Colexios Médico e Farmacéutico adiantaron algúns dos eventos que se celebrarán nos próximos meses, e que comezarán cunha exposición filatélica no mes de febreiro. Na mostra participarán coleccións de toda España e que será a mellor que se fixo sobre medicina e farmacia.
Ademais, organizaranse xornadas, debates, conferencias e actos sociais ao longo e ancho da provincia, con actos que terán lugar, entre outros, na Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, Carballo e Ribeira. E tamén se creará un vídeo e unha placa conmemorativa da efeméride.
Segundo explicou Luciano Vidán, “desde a creación do Colexio Médico-Farmacéutico en 1894, a nosa institución estivo no primeiro plano do debate sobre as cuestións sanitarias en todos os contextos políticos. Cento trinta anos despois do noso nacemento, queremos achegarnos aínda máis á sociedade e facela partícipe de todas estas iniciativas”.
Pola súa banda, Sara Catrain, presidenta do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña, incidiu na importancia desa actividade asociativa da época, na andaina propia do sector farmacéutico a partir de 1917, e mencionou figuras como #Luis Ossorio, José Villar Martelo, Antonio Lens ou Gumersindo Pardo Reguera entre os farmacéuticos daquel final do século XIX que puxeron en marcha o Colexio Médico Farmacéutico que agora conmemoramos.