Novas

O TSXG E O TS ANULAN A INSTRUCIÓN DO SERGAS QUE PERMITÍA RENOVAR RECEITAS AOS FARMACÉUTICOS DE ATENCIÓN PRIMARIA

I- O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia/TSXG (Salga contencioso-administrativa), ditou sentenza o 18/11/2022 estimando o recurso interposto polo Consello Galego de Colexios Médicos de Galicia, contra a Instrución do Xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas) de outubro de 2021 que permitía aos Farmacéuticos de At. Primaria renovar tratamentos aos pacientes crónicos en determinadas circunstancias, menoscabando as competencias dos médicos. A Sección 3ª da Sala do contencioso-administrativo do TSXG, por tanto, anulouna e deixou sen efecto, impoñéndose así mesmo as costas ao Sergas.

A Sala foi contundente e subliñaba que a resolución do Sergas “non ía dirixida a paliar problemas temporais de accesibilidade asociados á pandemia da COVID-19 -como as anteriores-, senón que tiña vocación de permanencia, ao referirse á situación que se presentaba ‘en determinadas épocas do ano debido á carencia de profesionais para a cobertura de ausencia’, así como á maior carga de traballo que aos facultativos supoñíalles contar con ‘unha sociedade envellecida, con maior cronicidade e pluripatología’”.

Destacaban os Maxistrados do TSXG, a modo de reproche ao SERGAS que, “unha cousa é que se relaxe o procedemento para aprobar a instrución e outra é que esta estea orfa de calquera trámite precedente, pois non consta informe, estudo, memoria ou proposta algunha que avale a necesidade do seu contido”.

Tamén recalcaron que “….Non se pon en cuestión a competencia que teñen os responsables da sanidade pública en orde a conseguir os altos obxectivos que esta persegue, que poderían pasar por conseguir a maior versatilidade do persoal dos equipos de Atención Primaria, como advertiu a instrución impugnada, o que sería acorde cos principios sinalados nos artigos 4.7 e 5.1 da Lei 44/2003, do 21 de novembro, de ordenación das profesións sanitarias, pero iso non debe ignorar as funcións que a cada profesional asígnalle o seu artigo 6.1, que no caso dos médicos é o diagnóstico, tratamento, terapia e rehabilitación dos pacientes (apartado 2.a), o que comprende a prescrición dos medicamentos, en tanto que aos farmacéutico correspóndelles a súa produción, conservación e dispensación, sen que se diferencie segundo que os pacientes sexan ou non crónicos.

A claridade deses preceptos non admite dúbida algunha á hora de pescudar as funcións que lles corresponde a cada sanitario, polo que non procede xogar coa terminoloxía para estendelas a quen non as ten, que é o que a instrución litixiosa ha feito á hora de habilitar aos farmacéuticos para comprobar a necesidade ou non de dar continuidade, pero tamén a de revisar a prestación farmacéutica que só os médicos poden prescribir, aínda no caso de pacientes que conten xa cunha medicación indicada para a súa enfermidade crónica,…”.

En suma, só a través dunha Lei pódense alterar as competencias dos profesionais sanitarios, non cabe utilizar “atallos” en forma de Instrucións.

II- O Servizo Galego de Saúde (Sergas) interpuxo recurso de casación contra a devandita sentenza, #ante o Tribunal Supremo (TS).

III- Á vista diso, o Consello Galego de Colexios Médicos de Galicia solicitou a execución provisional da sentenza do TSXG, #a fin de que a Instrución non se aplicase (mentres se estaba tramitando o recurso de casación no TS). E en data 25.5.2023 o TSXG ditou Auto acordando executar provisionalmente a sentenza de 18.11.22.

Destacan, pola súa rotundidade, algúns dos parágrafos deste Auto de 25.5.2023:

“Fundamento de Dereito 1º….

…a sentenza de 18.11.22 anulou a resolución gerencial de 08.10.21 que aprobou a instrución dirixida aos farmacéuticos da Atención Primaria para decidir continuar o tratamento crónico dos pacientes, non só porque non se xustificou a carencia de médicos en determinadas épocas do ano, nin o seu maior carga de traballo noutros supostos, senón tamén porque os farmacéuticos tiñan as súas propias funcións estatutarias, entre as que non se atopaban as daqueles facultativos, que eran as de prescribir medicamentos aos pacientes, xa fosen ou non crónicos, unha vez que se lles realizaron os oportunos diagnósticos, tratamentos, terapias e rehabilitacións.….

….unha das dúas razóns que levaron a esta sala xulgadora a anular aquela instrución estaba ligada á falta de capacitación funcional dos farmacéuticos para prestar un servizo dirixido á cidadanía, como era o asistencial ligado á súa saúde, que as normas legais de superior xerarquía asignaba a outros profesionais, que eran os representados pola corporación demandante …

…o certo é que a mera asignación de funcións alleas ás que legalmente teñen encomendadas os farmacéuticos, como o é neste caso a prescrición ou renovación de medicamentos, supón un risco obxectivo que produce consecuencias irreversibles,…..”.

IV- Finalmente o TS, por Providencia de 13.12.2023, acordou a inadmisión do recurso de casación interposto polo SERGAS, impoñendo novamente costas á Administración sanitaria, e confirmándose por tanto a inicial sentenza do TSXG de 18.11.2022.