O Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña celebrará o vindeiro martes, 27 de outubro, ás 17:30 horas, na súa sede coruñesa da rúa Riego de Agua, 29, 2º, a xornada Quen decide polo menor na saúde e na enfermidade?, organizada pola súa Comisión de Ética e Deontoloxía. O obxectivo é reflexionar sobre o papel do menor na saúde e na enfermidade desde o punto de vista xurídico e ético e sobre como resolver os conflitos que xorden entre a vontade do menor maduro, os seus representantes legais e os profesionais sanitarios.
Abrirá a xornada o presidente do Colexio, Luciano Vidán. A continuación, Mariano Casado —médico especialista en Medicina Legal e Forense, profesor de Medicina Legal da Universidade de Estremadura, membro do Comité de Bioética de España e Premio Nacional de Dereito Sanitario— impartirá un relatorio que moderará Sonia Marcos, pediatra e vicepresidenta da Comisión de Ética e Deontoloxía colexial.
Como explica a doutora Marcos, “a figura do menor é relevante e complexa. Trátase dunha persoa en desenvolvemento que necesita protección e, á vez, o recoñecemento progresivo da súa autonomía”. Esa dualidade suscita interrogantes acerca de quen debe decidir sobre a súa saúde, que valor ten a súa vontade e os límites do consentimento por representación. “Conforme o neno se fai maior, medra tamén a súa capacidade de entender desde un punto de vista cognitivo e emocional o seu proceso de saúde para implicarse na toma de decisións que lle atinxen”. De aí a importancia de coñecer en que situacións esa representación está limitada e como conciliar na práctica o dereito á protección do menor e o dereito á autonomía do paciente.
Entre as cuestións que se abordarán na primeira parte do relatorio están o interese superior do menor e os seus dereitos á integridade física e moral, á información e a ser escoitado. Tamén se analizará o concepto de menor maduro: cando se considera que é capaz de comprender o seu proceso de saúde e decidir sobre el, “desde vacinarse ata entrar nun quirófano, rexeitar unha quimioterapia ou someterse a un transplante”, explica Sonia Marcos. Ademais, tratarase o consentimento informado por representación, que “se solicita aos representantes legais do menor, pero este último tamén debe terse en conta cando poida comprender que está enfermo e que se lle vai facer”. Esta cuestión, sinala a pediatra, “suscita dúbidas na práctica, porque a madureza biolóxica non sempre vai acompañada da madureza cronolóxica”.
A segunda parte, cun enfoque máis práctico, centrarase en cuestións que frecuentemente xeran dúbidas ou conflitos na toma de decisións. Algúns deles son como abordar cuestións eticamente xustificadas que hai que encaixar no marco xurídico ou como resolver os conflitos entre a vontade do menor e a dos seus representantes —como no caso de que un neno non queira operarse e os seus pais si—. No día a día, os conflitos xorden, por exemplo, debido ao acceso cada vez máis precoz dos menores a internet, onde poden obter información sobre a súa enfermidade, ou ao desacordo entre os representantes legais ante unha intervención.
A asistencia á xornada é libre e gratuíta ata completar o aforo. As inscricións seguen abertas, nas modalidades presencial e en liña, en https://bit.ly/comcmenores.