O vindeiro 27 de outubro celebrarase, na sede coruñesa do Colexio —rúa Riego de Agua, 29, 2.º—, unha xornada centrada na toma de decisións na atención sanitaria a menores de idade, titulada Quen decide polo menor na saúde e na enfermidade? Nela ofrecerase “unha mirada conxunta entre a pediatría, a familia e o dereito do menor a ser escoitado”.
A sesión comezará ás 17:30 horas e dividirase en dúas partes. A primeira estará centrada no concepto de menor maduro e no conflito na toma de decisións. Na segunda, que empezará ás 18:30 horas, abordarase o consentimento por representación.
O relator será Mariano Casado, médico especialista en Medicina Legal e Forense, profesor de Medicina Legal da Universidade de Extremadura e membro do Comité de Bioética de España. A inauguración correrá a cargo de Luciano Vidán, presidente do Colexio, e exercerá como moderadora da sesión Sonia Marcos, pediatra e vicepresidenta da Comisión de Ética e Deontoloxía do COMC.
Os interesados poderán asistir presencialmente á xornada ou seguila en liña. En ambos os casos, é necesario inscribirse a través desta ligazón.